Un total de 63 proxectos de centros educativos concorren aos primeiros premios de innovación ao desenvolvemento destas iniciativas na FP convocados pola Consellería de Cultura e Educación
Os premios están dotados con 300.000 euros
Un total de 100 empresas e entidades de prestixio participan nestas propostas
Os centros puideron participar en dúas modalidades distintas: innovación tecnolóxica ou científica, ou na de innovación didáctica
Entre outros criterios, valorarase especialmente a mellora que o proxecto supoña na empregabilidade do alumnado, ou a participación de outros centros, empresas ou entidades
Un total de 63 proxectos de 50 centros educativos concorren aos primeiros premios de innovación na Formación Profesional, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co obxectivo de potenciar o emprendemento, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, buscando a calidade e a excelencia na Formación Profesional. Os premios están dotados con 300.000 euros.
Cómpre salientar a alta participación na convocatoria dos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), un total de 14 dos 17 que dependen da Consellería de Cultura e Educación. Ademais, estes 14 centros coordinan 36 dos proxectos presentados (o 57% do total) e participan nun total de 42 (o 66,7% dos presentados).
Un total de 100 empresas ou entidades de prestixio participan nas iniciativas propostas, tanto universidades como outros centros educativos e empresas estranxeiras e galegas de gran potencial e proxección nacional e internacional, incluíndo algunhas coas que a Consellería xa está a colaborar no eido da formación en centros de traballo do alumnado da FP, así como a través de colaboración e donación de material aos centros educativos. A relación de empresas e proxectos pode consultarse no portal educativo, no enlace web http://www.edu.xunta.gal/fp/premios-proxectos-innovacion-fp-2014-presentados.
Os centros puideron presentar os proxectos nas dúas modalidades da convocatoria, a A, para a Innovación tecnolóxica ou científica; ou a B, para a Innovación didáctica. A primeira delas dedícase a iniciativas para a mellora de procesos de produción e/ou de prestación de servizos, orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o entorno produtivo. A modalidade B contempla proxectos que teñen como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan un clara innovación nalgunha das familias profesionais, orientados á introdución e aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, instrumental ou maquinaria na aula ou taller, entre outras iniciativas novidosas. Ademais, ditos materiais deben ser facilmente trasladables a outros centros
Na avaliación e selección dos proxectos gañadores, que recibirán orzamento para o financiamento de parte do seu desenvolvemento, valorarase especialmente a participación de outros centros, empresas ou entidades, así como a mellora que o proxecto supoña na empregabilidade do alumnado, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais; así como o seu posible impacto no entorno produtivo do centro de ensino.