Cultura e Educación reafirma o seu compromiso coa formación do profesorado como garantía dun ensino de calidade coa nova convocatoria de licenzas por formación para docentes
Ata 423 docentes poderán beneficiarse desta convocatoria
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reiterou o seu compromiso coa formación do profesorado como garantía para a mellora da calidade do ensino e da excelencia, a través dunha nova convocatoria de prazas para licenzas por estudos para o curso 2014-2015. Así, convocáronse este ano 500 meses de licenzas, dirixidas ao persoal docente de carreira, o que suporá que poderán beneficiarse desta convocatoria ata 423 docentes.
Con esta convocatoria, a Consellería reafirma a súa aposta polo profesorado como piar fundamental do sistema educativo, cun esforzo importante para o mantemento destas prazas, o que, sen dúbida, adquire maior relevancia no actual contexto de crise económica. A orde pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace web: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140512/AnuncioG0164-050514-0001_gl.html
Cómpre salientar que nesta convocatoria inclúese, como novidade, que poderán ser beneficiarias de licenzas de formación aqueles docentes que estean a gozar dunha comisión de servizos por conciliación da vida laboral e familiar.
Modalidades das licenzas
Todas as licenzas que se convocan terán carácter retribuído e haberá 6 modalidades diferentes: para a creación de materiais curriculares dixitais para primaria e secundaria, para a creación de materiais curriculares para as ensinanzas de formación profesional - ambas na modalidade individual e de grupo de traballo-; de grupo de traballo para a creación de cursos non presenciais para a formación do profesorado e para o perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.
Nesta convocatoria, poderán solicitarse en distintas modalidades, nomeadamente para a creación de materiais curriculares dixitais para primaria e secundaria - de forma individual ou en grupo de traballo de 2 ou 3 membros-, para a creación de materiais curriculares dixitais para a formación profesional - tamén individual ou en grupo de 2 ou 3 persoas-, grupo de traballo de dous ou tres membros para a elaboración de materiais para a formación a distancia, que se impartirán na Plataforma de teleformación galega (Platega); e para o perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.
Neste último caso procúrase o perfeccionamento da lingua estranxeira correspondente e a consecución da cualificación necesaria para promover dun xeito preferente a creación ou a continuación do programa de seccións bilingües e de centros plurilingües, segundo o compromiso da Consellería de pedirlles aos docentes que acrediten, como mínimo, o nivel B2 en lingua estranxeira do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) para participaren en ambas iniciativas. As licenzas desta modalidade terán unha duración mínima dun mes e máxima de tres meses.