Un total de 2.916 persoas concorrerán ás oposicións convocadas pola Consellería de Cultura e Educación no 2014
A oferta de emprego público ascende a 117 prazas para persoal docente de ensino secundario
Un total de 2.916 persoas concorrerán ás oposicións convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co fin de manter a estabilidade do emprego público no corpo docente, unha oferta de emprego público que ascende a 117 prazas para persoal docente de ensino secundario.
Na quenda libre, por especialidades, admitíronse 820 solicitudes para a de Xeografía e Historia, 481 para a de Matemáticas - en cada unha destas especialidades convocáronse 24 prazas-, 596 para a de Bioloxía e Xeoloxía – 20 prazas convocadas-, 601 para a de Inglés – 15 prazas convocadas- e 325 para a de Administración de Empresas – 10 prazas na convocatoria-. No caso da quenda de promoción interna, admitíronse 39 solicitudes para a de Xeografía e Historia – para as 6 prazas dispoñibles-, 16 para a de Matemáticas – 6 prazas convocadas-, 7 para a de Bioloxía e Xeoloxía – 5 prazas na convocatoria-, 17 para a de Inglés – especialidade na que se convocan 4 prazas - e 14 para a de Administración de Empresas – 3 prazas dispoñibles-.
Con esta oferta búscase cubrir as necesidades do sistema educativo público, cumprindo cos requirimentos da Lei de Orzamentos Xerais do Estado respecto da taxa de reposición. Neste sentido cómpre lembrar que neste ano 2014 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou o máximo número de prazas permitido pola devandita taxa de reposición do 10 %, e engade 24 prazas máis de promoción interna, xa que o límite establecido pola Lei é aplicable aos postos de quenda libre.