O IES Perdouro de Burela recibe o galardón do concurso-exposición Letras Galegas 2014, convocado pola Consellería de Cultura e Educación

O secretario xeral de Política Lingüística fíxolle entrega do premio a este centro gañador na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais co traballo ‘Sombras radiantes’

Máis de 2.000 entidades, administracións e institucións de Galicia e do exterior recibiron os xogos de carteis e as propostas didácticas multidisciplinares coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lles deu difusión á figura, á vida e á obra de Xosé María Díaz Castro desde o ámbito escolar

Xov, 15/05/2014 - 14:15
O secretario xeral de Política Lingüística fíxolle entrega do premio a este cent
O secretario xeral de Política Lingüística fíxolle entrega do premio a este centro gañador na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais co traballo ‘Sombras radiantes’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entregoulle hoxe, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014 ao IES Perdouro de Burela, que resultou merecente del na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais polo traballo “Sombras radiantes”.

“Xosé María Díaz Castro coñecía, como moi ben recolledes nos carteis que hoxe premiamos, moitas das linguas de Europa. De feito, boa parte da súa vida profesional ocupouna a tradución e ese labor de tradutor, tamén de tradutor literario, permitiulle coñecer os achados estéticos de autores moi diversos no seu idioma orixinal e trasladalos á súa poesía, o que a enriqueceu e, con ela, a toda a literatura galega. Mais o que eu quería destacar hoxe é que, dominando tantos idiomas, optase pola lingua da súa infancia –a daquela humilde lingua galega, afastada dos centros educativos, da Administración, en boa medida da alta cultura...-para expresarse poeticamente”, dixo García Gómez durante o acto de entrega do premio, que se celebrou no propio centro educativo.

Acompañaron o secretario xeral o xefe territorial da Consellería en Lugo; José Jesús Ramos Ledo; o rexedor municipal, José María González Barcia; e mais o director do IES, Juan Pérez Docobo. O grupo de traballo que participou na confección do proxecto recibiu un premio en metálico por importe de 2.500 euros e un diploma acreditativo.

Díaz Castro como exemplo a seguir

“Como en moitas outras cousas, nesta tamén se nos presenta Díaz Castro como un exemplo a seguir. Aparece ante nós como un home aberto ás culturas e aos idiomas que o rodean, sempre disposto a aprendelos, sempre disposto a beber do zume poético que lle chega doutras terras e doutras linguas...  E, ao mesmo tempo, como un home que non renuncia ao propio e ao primeiro, que sabe valoralo e que mesmo o promove e pon todo o seu talento ao seu servizo”, manifestou o secretario xeral durante a súa intervención, quen tamén sinalou que “aprender e usar idiomas novos non implica en ningún momento renunciar ao propio, a falar, escribir, valorar e promover o noso”.

Traballo multidiscisciplinar

A través deste traballo, o alumnado e o profesorado do IES Perdouro presenta a obra e a época do autor homenaxeado desde unha perspectiva multidisciplinar, implicando a varios departamentos do centro educativo no proxecto. Así, a Consellería contribúe a fomentar a colaboración interdepartamental nos colexios e institutos, así como a implicación activa do profesorado e o alumnado, nomeadamente dos integrantes dos equipos de dinamización da lingua galega.

O certame, organizado no marco de actividades desenvolvidas pola Consellería na lembranza de Díaz Castro neste ano no que se lle dedica o 17 de maio, constitúe unha oportunidade para convidar ao estudantado a que reflexione sobre a situación sociolingüística da nosa lingua propia na época concreta do autor. Procúrase, ao tempo, a dignificación e normalización do galego, enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega.

De feito, tanto esta mostra gañadora na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais, coma a gañadora baixo a modalidade de Educación Infantil e Primaria (“Esmeralda”, da autoría do CEIP Plurilingüe de Guitiriz) as imprimiu a Secretaría Xeral de Política Lingüística para seren distribuídas en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, Rede de Centros de Estudos Galegos, centros da emigración, bibliotecas e asociacións, entroutros.

As láminas, as guías didácticas e os marcapáxinas que conforman estes proxectos están accesibles para a súa descarga en www.xunta.es/linguagalega/xose_maria_diaz_castro