A Consellería de Educación apoiará o ensino de linguas estranxeiras no rural a través da figura dos profesores xubilados nativos

O conselleiro lembrou na TVG que o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras introducirá por primeira vez esta figura en Galicia

Mér, 14/07/2010 - 12:50

A Consellería de Educación vai reforzar o ensino de linguas estranxeiras nos colexios e institutos do rural a través dos ‘seniors’, profesores xubilados nativos, segundo explicou o titular deste departamento nunha entrevista no programa ‘Bos Días’ da TVG. O conselleiro anunciou que estas persoas formarán parte a partir de setembro do corpo de auxiliares de conversa que prestarán apoio a docentes dos centros plurilingües e das seccións bilingües, no marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras que está a desenvolver a Consellería.

Ademais, o titular do departamento de Educación lembrou que “é a primeira vez que se introduce esta figura en Galicia”, tras a constatación de que xa está a prestar apoio aos docentes e a participar na formación do alumnado con éxito en outras comunidades autónomas. Deste xeito, Vázquez Abad reiterou o compromiso para ao fin da lexislatura de “ter multiplicado por 6 o número de auxiliares de conversa” –persoas nativas dos países da correspondente lingua estranxeira-, “ata chegar aos 450”, polo menos un para cada centro plurilingüe ou sección bilingüe.

Aposta pola formación do profesorado

Por outra banda, o Vázquez Abad fixo fincapé en que o Plan vai por a disposición dos docentes “un itinerario formativo e as Escolas Oficiais de Idiomas, nas que poderán acreditar as súas competencias lingüísticas, ao igual que en outras institucións de recoñecido prestixio”. Así mesmo, o conselleiro lembrou que o profesorado poderá optar tamén a estadías formativas no estranxeiro coas que reforzar os seus coñecementos de outros idiomas.

Deste xeito a Consellería de Educación demostra o seu apoio ao profesorado que de forma voluntaria colabores no ensino das linguas estranxeiras en materias non lingüísticas, contribuíndo a mellorar as competencias das alumnas e alumnos en outros idiomas.

Calidade no ensino das linguas

A aposta pola formación do profesorado que está a facer o Plan impulsado desde a Consellería de Educación ha de reverter nunha mellora da calidade do ensino das linguas estranxeiras nos centros educativos galegos.

Durante a entrevista, o conselleiro incidiu na necesidade de que os rapaces galegos adquiran gradualmente os coñecementos de outros idiomas en todas as etapas educativas, para que rematen o Bacharelato cunhas competencias en linguas estranxeiras reais. Con esta finalidade, e a través do devandito Plan, ao fin da lexislatura teranse creado arredor de 160 centros plurilingües – nos que se empregará unha lingua estranxeira como vehicular nun terzo das materias-, e haberá 1.800 seccións bilingües.

Deste xeito, no curso 2012/2013 ata 40.000 alumnas e alumnos de Primaria e Secundaria obrigatoria terán mellorado as súas competencias en outros idiomas. Ademais, Vázquez Abad anunciou que a Consellería vai reforzar tamén o ensino doutras linguas no Bacharelato e na Formación Profesional; para que se poidan incorporar ao Plan outros idiomas.

Solicitude de centros plurilingües

O conselleiro de Educación aproveitou a entrevista para lembrar aos colexios e institutos galegos a posibilidade de solicitar seren centros plurilingües xa o vindeiro curso. Para iso terán que presentar a súa proposta diante da Consellería, “ofrecendo unha garantía mínima de que a oferta de ensino en linguas estranxeiras será unha boa oferta”, explicou Vázquez Abad.

Respecto da creación dos primeiros 40 centros no curso 2010/2011, o conselleiro explicou que a intención da Xunta de Galicia é observar o seu funcionamento co fin de “ir mellorando a calidade do ensino destes centros, así como das seccións bilingües, ao que tamén contribuirán os auxiliares de conversa”.