A Consellería de Cultura e Educación forma a profesorados dos CIFP nas posibilidades que a biblioteca escolar ofrece para a Formación Profesional

Un grupo de 30 docentes participan nesta xornada técnica, que se celebra hoxe no Centro Integrado de FP Compostela

Lun, 12/05/2014 - 18:20
 A Consellería de Cultura e Educación forma a profesorados dos CIFP nas posibili
A Consellería de Cultura e Educación forma a profesorados dos CIFP nas posibilidades que a biblioteca escolar ofrece para a Formación Profesional

Un grupo de 30 docentes dos 19 Centros integrados de Formación Profesional existentes en Galicia – 17 deles dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- participan hoxe na xornada técnica ‘A biblioteca escolar na FP’, organizadas polo departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad no CIFP Compostela. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou na apertura do encontro.

Esta actividade, enmarcada na estratexia de bibliotecas escolares que desenvolve a Consellería a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), ten como obxectivo formar aos docentes e aos responsables das bibliotecas dos CIFP sobre as posibilidades e recursos que a biblioteca ofrece no que atinxe ás ensinanzas de Formación Profesional.

Para iso os participantes na xornada van poder coñecer as experiencias de dous centros galegos destas características, o CIFP Ferrolterra (Ferrol)  e o CIFP A Farixa (Ourense); achegaranse, así mesmo, á experiencia doutros dous centros de ensino secundario, en relación co tratamento das competencias informacionais e o fomento da lectura entre o alumnado xove e e as persoas adultas, mediante a fórmula dos clubs de lectura (IES de Porto do Son e IES Vilalonga, de Sanxenxo). Ademais a xornada permitirá aos asistentes coñecer as boas prácticas desenvolvidas na biblioteca escolar da Escola Profissional de Agricultura de Carvalhais (Mirandela, Portugal), unha das bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Escolares Portuguesas.

Haberá, así mesmo, tempo para o debate e a reflexión conxunta sobre o tipo de biblioteca que é necesaria para o alumnado dos CIFP, da que se extraerán as pertinentes conclusións. 

Coa celebración desta xornada a Consellería procura impulsar o papel das bibliotecas escolares nos centros de Formación Profesional, unha etapa na que a biblioteca pode ter un papel fundamental á hora de favorecer as competencias no uso da información, imprescindibles para os labores que se desenvolven nas empresas, e en calquera aspecto da vida das persoas, polo que pode contribuír aos procesos de innovación neste tipo de ensinanzas.