A Consellería de Educación e Telefónica asinan un acordo para ofertar móbiles con menú e operatividade en galego
Trátase dun novo paso na promoción da nosa lingua tras a presentación do Proxecto Glossa, polo que os 200.000 empregados de MoviStar en todo o mundo poden aprender galego
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller, deron hoxe un novo paso na promoción da lingua galega coa sinatura dun convenio para fomentar o uso do idioma galego.
Este novo acordo rubrícase tras a presentación por parte de Telefónica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística do Proxecto Glossa, o pasado mes de abril, polo que a compañía puña en marcha distintas accións de promoción do galego, entre elas a posibilidade de que os máis de 200.000 empregados de MoviStar en todo o mundo poidan aprender este idioma.
A través do convenio asinado hoxe, a compañía de telecomunicacións comprométese a fomentar que os móbiles dispoñan da opción do menú en galego. Ademais, promoverá campañas entre os seus abonados para dar a coñecer os modelos de terminais con lingua galega.
Na actualidade, Telefónica xa oferta máis de 100 móbiles con estas características e a maioría deles inclúe tamén dicionario. Ao mesmo tempo, daráselles a posibilidade aos clientes de facer calquera comunicación coa compañía, oral ou escrita, en galego, garantindo que exerzan así o seu dereito a ser atendidos en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma.
Pola súa banda, a consellería facilitará o apoio e asesoramento técnico necesario sobre os distintos aspectos lingüísticos e terminolóxicos, e dará cobertura institucional a calquera iniciativa de Telefónica que teña como finalidade a promoción da lingua e a cultura galegas.