Xesús Vázquez Abad participa na presentación do proxecto ‘Talento 3.0. Potenciando o talento nas aulas’
O conselleiro de Cultura e Educación definiu esta iniciativa como “un fito máis no compromiso que existe en Galicia para adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos de aprendizaxe e identidades culturais de todo o alumnado”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na presentación do proxecto ‘Talento 3.0. Potenciando o talento nas aulas’, que organiza a Fundación Barrié e a Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago. O conselleiro definiu a iniciativa presentada hoxe como “un proxecto de mellora da formación de profesorado na educación de estudantes con altas capacidades, asentado en modelos teóricos de éxito de coñecemento colaborativo, traballo en rede e positivización das posibilidades do alumnado, que cómpre ir adaptando e modelando conforme á nosa realidade socieducativa”.
Vázquez Abad asegurou que “Talento 3.0 é un fito máis no compromiso que existe en Galicia para adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, situacións sociais e identidades culturais de todo o alumnado”. Segundo o conselleiro, “este tipo de proxectos contribúen á mellora das competencias profesionais do profesorado e á mellor atención posible do alumnado con altas capacidades, liñas de traballo esenciais que teñen como consecuencia o incremento da calidade educativa na nosa terra”.
En palabras do titular de Cultura e Educación, “para mellorar a calidade educativa e o éxito da totalidade do alumnado precísase a implicación activa e o compromiso de todos: das familias, do alumnado, do profesorado e do conxunto da sociedade”. “Debemos apostar pola promoción e adestramento da nosa creatividade, desde unha defensa do pensamento diverxente e a consideración da diferenza como riqueza”, engadiu.
Por último, Vázquez Abad lembrou que a través do decreto 229/2011, “desde a Xunta de Galicia regulamos a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da nosa comunidade e promovemos a colaboración coas entidades que teñen como obxectivo atender esa diversidade”. “Nese decreto asumimos, igualmente, o compromiso de poñer os recursos para que todo o alumnado reciba a atención necesaria, tendo en conta tanto as súas potencialidades como as súas necesidades educativas”, concluíu.