O conselleiro de Cultura e Educación participa nas xornadas ‘As tablets no ensino e na atención á diversidade’

O encontro organízase no marco do 50 aniversario do Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes

Ven, 25/04/2014 - 17:49
 O conselleiro de Cultura e Educación participa nas xornadas ‘As tablets no ensi
O conselleiro de Cultura e Educación participa nas xornadas ‘As tablets no ensino e na atención á diversidade’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde na xornada ‘As tablets no ensino e na atención á diversidade’, un encontro organizado polo Centro de Formación e Recursos da Coruña e o Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes (Aspronaga), no marco da celebración do 50 aniversario deste centro.

Durante a súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia da inclusión, a alfabetización dixital e o uso correcto das tecnoloxías “no pular das intelixencias e capacidades das persoas, promovendo o pracer de aprender e acadando que o estudo sexa relevante para cada alumno individual, atendendo asemade ás súas necesidades”. “Cómpre reflexionar e debater sobre este tema, como de seguro se fará nesta xornada, para mellorar o día a día nos nosos centros, a planificación didáctica, a praxe na aula e os resultados presentes e futuras dos alumnos e alumnas galegos”, engadiu. Neste sentido, agradeceu aos organizadores o traballo desenvolvido con esta acción formativa, e felicitou a Aspronaga “por 50 anos de traballo con alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais desde o Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes”.

Ao longo da tarde de hoxe, e tras o relatorio de apertura de Pere Marqués arredor do uso das tablets, os 200 asistentes asistirán á mesa redonda ‘Axudan as TICs’, que contará coa participación dunha alumna do CEE Nosa Señora de Lourdes, e de mestres especialistas en educación especial e en pedagoxía terapéutica, entre outros profesionais do eido.

Nos obradoiros da mañá do sábado poderán familiarizarse co uso das tablet desde o punto de vista docente, con formación específica sobre aspectos técnicos como a súa conexión a un proxector, configuración, emprego de antivirus, memorias USB ou aplicacións. En concreto, abordarase o uso de aplicación ‘Creappcuentos’ (www.creappcuentos.com) para a creación de contos ou historias de xeito sinxelo ou intuitivo, coa utilización de sons gravados polo creador, así como as opcións para imprimir ou compartir coa comunidade educativa o proxecto final. Ademais, presentarase a aplicación gratuíta ‘Sígueme’ (www.proyectosigueme.com), que ten como obxectivo potenciar a atención visual e adestrar a adquisición do significado en persoas con Trastorno do Espectro Autista e Discapacidade Intelectual.

Outro dos proxectos que se abordarán no programa será o ‘in-TIC’ (www.intic.udc.es), dirixido a facilitar ás persoas con diversidade funcional o acceso ao ordenador ou a dispositivos móbiles, á comunicación e á estruturación temporal, adaptándose ás capacidade, necesidade e intereses de cada persoa. De feito, entre outras posibilidades, este proxecto permite a creación de taboleiros personalizados ou entornos virtuais máis sinxelos. Cómpre salientar que In-TIC resultou finalista nos premios Eganet 2009 e nos premios Accesibilidade DFA.

O centro

As xornadas, que se desenvolven no Centro de Formación e Recursos da Coruña, coinciden co ano de celebración do 50 aniversario do CEE Nosa Señora de Lourdes, que naceu en 1964 como iniciativa dun grupo de nais e pais na procura dunha educación de calidade para os seus fillos, afectados por algún tipo de discapacidade intelectual. Desde entón, o centro ten contribuído á superación de todo tipo de barreiras por estas persoas, tanto a nivel educativo como de relación co seu entorno.

Na actualidade o colexio conta con 60 alumnas e alumnos entre 6 e 21 anos, cunha actividade dividida en dúas etapas: Formación Básica e Formación Profesional Adaptada e Transición á Vida Adulta. Ademais, conta cun servizo de Fisioterapia, Logopedia, Psicoloxía e Orientación.