Educación dotará a Arteixo dun novo centro de educación infantil e primaria
Deste xeito a Xunta de Galicia dá resposta ás necesidades educativas dun concello en crecemento
Arredor de 675 escolares do concello de Arteixo contarán o vindeiro curso cun novo centro de educación infantil e primaria, logo de que o Consello da Xunta de Galicia dera hoxe o visto e prace ao decreto polo que se procede á creación deste colexio. A constitución do centro levarase a cabo por desagregación do CEIP Ponte de Brozos, da mesma localidade.
O novo CEIP contará con 9 unidades de infantil e 18 de primaria, co que se dá resposta ás necesidades de escolarización do municipio coruñés. As obras de construción deste centro rematarán en xuño de 2010 e, unha vez dotado do mobiliario preciso, o custo superará amplamente os 4,5 millóns de euros.
Grazas á creación deste CEIP, a Consellería de Educación poderá reorganizar a escolarización do centro urbano do concello de Arteixo, configurando unha nova rede de centros na área. O considerable aumento da poboación en idade escolar que experimentou esta zona nos últimos anos supuxo a sobrecarga do centro existente, o CEIP Ponte dos Brozos, que estaba a acoller a todo o alumnado da súa área de influencia. A desagregación permitirá, polo tanto, desconxestionar o colexio Ponte dos Brozos, quedando garantida a calidade do ensino en ambos os dous centros educativos.
Con iniciativas como a da creación deste centro, a Xunta de Galicia demostra o seu interese polo benestar da comunidade escolar, factor fundamental para acadar a calidade educativa. Así, a Consellería de Educación está a escoitar os centros de ensino e a comunidade escolar galega. Así, estase a dar reposta ás necesidades de reforma, mellora e ampliación dos centros, e incluso de nova construción, se así é necesario.