'FalaRedes', de Cultura e Educación, dinamiza o galego durante a Semana Santa co concerto infantil-familiar 'Toc Toc'
O espectáculo infantil-familiar de Pablo Díaz chega mañá ao concello coruñés de Vedra tras facer gozar onte a xente miúda da vila ourensá de Xinzo de Limia
A actividade coa que botou a andar a terceira edición do programa de fomento do galego está a piques de pechar a xira que ata final de mes a levará a 20 localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística
Tamén no marco de FalaRedes 2014 a obra de teatro As fabas máxicas retomará na última fin de semana de abril o seu calendario de 22 actuacións, chegando ás vilas coruñesas de Fene e Boimorto
O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está a fomentar o uso do galego en Semana Santa da man do concerto Toc Toc, que mañá chegará ao concello coruñés de Vedra tras o seu paso onte pola vila ourensá de Xinzo de Limia.
O espectáculo infantil-familiar de Pablo Díaz fará parada mañá en Vedra, cun concerto ás 18:00 horas na Casa da Cultura de San Xián de Sales. Coma sempre en FalaRedes, o acceso é libre e de balde ata completar a capacidade das salas, poñéndose as entradas a disposición do público o mesmo día no lugar da actividade.
Esta será unha das últimas oportunidades para gozar de balde deste musical, xa que na derradeira fin de semana do mes o Toc Toc porá fin a unha xira coa que en total visitará 20 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O peche terá lugar o próximo domingo 27 no concello pontevedrés de Mos, se ben o sábado 26 aínda fará parada nas localidades de Ponteareas e Vilagarcía de Arousa, tamén na provincia de Pontevedra.
Música en galego para nenos de 3 a 10 anos
Toc Toc é a primeira das cinco propostas de promoción social do idioma que ofrece o programa este ano, un espectáculo musical no que Pablo Díaz interpreta as cancións do seu libro-disco homónimo.
Destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias, o concerto convértese nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma, actuando a música como fonte de transmisión do galego ao promover que os nenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.
As fabas máxicas
Tamén na última fin de semana do mes retomará a súa xira dentro de FalaRedes 2014 a obra de teatro As fabas máxicas, a segunda actividade do programa de Política Lingüística coa que se persegue que a cativada se achegue á dramaturxia en galego por medio dunha peza de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.
Tras estrearse con éxito en Betanzos e visitar xa o tamén concello coruñés de Arzúa, este espectáculo de Caramuxo Teatro chegará o sábado 26 a Fene e o domingo 27 a Boimorto, continuando cunha xira que a levará ata finais de xuño a 22 localidades da RDL.
Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, As fabas máxicas conta en primeira persoa a sorprendente historia do protagonista, Xan, coa axuda duns simpáticos monicreques e co galego como lingua.
FalaRedes
Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.
Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.