A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de subvención destinada ás editorias que publiquen na lingua propia de Galicia recursos didácticos para o ensino non universitario
O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde mañá ata o vindeiro 8 de maio
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe a orde do 31 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos para niveis non universitarios, e se procede a súa convocatoria. Trátase dunha liña de axudas destinada á edición de materiais tanto en formato impreso coma en formato dixital durante este ano á que a Consellería lle destina 150.000 euros.
O obxectivo da convocatoria é garantir unha oferta de material educativo en galego no ensino regrado que sexa á vez ampla e con calidade científica e pedagóxica. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.
Estas disposicións materializan a recomendación do Plan xeral de normalización da lingua galega de promover materiais didácticos “en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”. As empresas do sector editorial, destinatarias desta convocatoria, poderán solicitar as axudas ata o vindeiro 8 de maio.
Valoración dos proxectos
Os proxectos que as editoriais presenten ás subvencións serán valorados en función da súa orixinalidade (primaranse as obras de creación propia sobre as adaptacións) e da súa calidade, que se medirá en función da adecuación dos materiais didácticos ao currículo establecido, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumado destinatario, do tratamento dos valores democráticos, do axeitamento á realidade galega e, por suposto, da calidade da lingua e da súa adecuación ao nivel académico do alumnado.
Por parte, daráselles prioridade aos materiais en soporte audiovisual e a aqueles pensados para as aulas virtuais do Programa Abalar, así coma aos destinados á educación infantil, á atención á diversidade e ás áreas que non son de impartición obrigatoria en galego. Toda a información no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.