Cultura e Educación e os Colexios de Odontólogos e de Hixienistas Dentais colaborarán para a mellora na formación e inserción do alumnado de FP, así como na difusión de hábitos de saúde bucal
Ademais facilitarase o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores das clínicas dentais, a través do proceso de acreditación de competencias e a actualización dos coñecementos do profesorado dos ciclos formativos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e os presidentes do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña e do Colexio profesional de Hixienistas Dentais de Galicia, José María Suárez Quintanilla e Andrea Pardo Rivera, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración das tres entidades en materia de formación profesional, tanto no que atinxe á formación e inserción laboral do alumnado como o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores das clínicas dentais e na actualización dos coñecementos do profesorado.
Ao abeiro deste acordo, as alumnas e alumnos que cursen ensinanzas de formación profesional relacionadas con este eido poderán realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) nas clínicas dentais dos colexiados nas devanditas entidades. A maiores, ambos os Colexios crearán un programa de bolsas de formación para cada curso académico destinadas ao alumnado titulado en FP, cunha duración de entre 2 meses e 1 ano.
Profesorado e competencias profesionais
No que atinxe ao profesorado, ambos Colexios comprométense a colaborar no programa de formación do profesorado e máis concretamente nas estadías en empresas por tempo definido, para o profesorado de formación profesional e segundo as necesidades de formación, previstas na convocatoria de estadías en empresas que anualmente promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, poderanse organizar cursos ou seminarios arredor de temas de interese para os profesionais vinculados á Consellería e ás clínicas dentais.
Por outra banda, sobre o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores, a Consellería analizará a posibilidade de ofertar as cualificacións profesionais ou unidades de competencia vinculadas a determinados postos de traballo das clínicas dentais.
Difusión de hábitos de saúde bucal
Ademais, o convenio asinado hoxe contempla a colaboración das tres entidades para a difusión nos centros educativos de campañas sobre os riscos e coidados da saúde bucal. Así mesmo, para favorecer a aplicación dos coñecementos teórico-prácticos adquiridos polo alumnado nos centros educativos e coñecer de forma real a organización socio-laboral dunha clínica dental, promoveranse visitas guiadas do alumnado ás clínicas dentais, xornadas informativas e charlas técnicas impartidas por persoal destes Colexios nos centros de formación profesional durante o período lectivo. Nesta mesma liña, o alumnado poderá asistir a congresos, feiras e encontros sectoriais, co fin de acadaren unha visión global deste eido profesional.
Ademais, fomentarase a transferencia de coñecemento entre o profesorado e as clínicas dentais mediante a organización de xornadas técnicas coa participación de profesorado das diferentes materias e de profesionais do ámbito.