Cultura e Educación aclara que as ensinanzas de réxime especial de xoiería do CPR Atlántico non poden ser concertadas por non axustarse á orde vixente
A Consellería informou en todo momento con transparencia ao centro de que a súa solicitude non podía ser aceptada por non ser acorde á normativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, vén de explicar que a solicitude do CPR Atlántico (Vigo) de concertar as ensinanzas do ciclo formativo de grao medio de Xoiaría artística e do ciclo formativo de grao superior de Procedementos de xoiaría artística, non pode ser aceptada pola Xunta, xa que as normas da convocatoria dos concertos educativos para ao período 2013-2017, só inclúen no seu ámbito os centros docentes que impartan as ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, a educación primaria, a ESO, os PCPI e as ensinanzas de FP. De feito, os informes emitidos polo Servizo Territorial de Inspección Educativa e pola Comisión Provincial de Concertos de Educativos de Pontevedra - órganos que informaron negativamente a solicitude- consideran que “as ensinanzas artísticas non están afectadas por esta orde”. Polo tanto, concertar estas ensinanzas non sería acorde coa normativa.
Neste sentido, cómpre sinalar que a Consellería non concerta máis que ensinanzas de réxime xeral, o que non se corresponde coa proposta realizada polo colexio Atlántico, que se refire a dous ciclos de ensinanzas de réxime especial, concretamente no referido ás Artes Plásticas e Deseño.
O director xeral lamentou hoxe que o colexio Atlántico acuse á Xunta de non ter en conta as ensinanzas profesionais de Arte e Deseño, “cando existe oferta pública das mesmas en 4 cidades galegas, e cuxo título equivale ao de técnico medio ou superior, segundo cada caso”.
Transparencia do proceso
Así mesmo, o director xeral explicou que o centro xa fora informado no ano 2013 da non posibilidade de establecer o concerto, na fase de resolución provisional da convocatoria do pasado ano. “O motivo principal da denegación baseouse na imposibilidade legal de concertar as ensinanzas que imparte o centro educativo debido a que non están incluídas no ámbito da orde de convocatoria e na non existencia de crédito orzamentario asignado para tal fin pola Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2013”. Asemade, Pinal explicou que a Consellería entregou ao centro Atlántico “un certificado co contido do acordo relativo á súa solicitude, polo que non existe a falla de transparencia que sinala o centro” sobre o proceso.