A Consellería de Cultura e Educación e Bosch porán en marcha un novo proxecto de FP Dual no ciclo superior de administración e finanzas no IES Ricardo Mella
O conselleiro e representantes da empresa asinaron hoxe un convenio de colaboración do que poderán beneficiarse xa o vindeiro curso 12 alumnas e alumnos do instituto vigués
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director rexional de Bosch Communication Center, Walter Soltau, xunto con José López San Román e Alejandro García Casal en representación do Grupo Bosch en España, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha dun novo proxecto de formación profesional dual en Vigo. Ao abeiro deste acordo, abrirase unha convocatoria para que 12 alumnas e alumnos se matricule no ciclo de grao superior en Administración e finanzas no IES Ricardo Mella durante os cursos 2014/2015, 2015/2016 e 2016/2017.
Trátase do sétimo proxecto de FP Dual que a Consellería pon en marcha, tras os asinados con Coremain, UNVI, Repsol, FEPROHOS – dous convenios- e FINSA/FORESA. O asinado hoxe é, ademais, o primeiro relativo á familia profesional de Administración e Xestión. Deste xeito a iniciativa supón un paso máis na estratexia que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver en prol dunha formación de calidade na que, coa axuda das empresas galegas, se facilite que o alumnado dos ciclos formativos compaxine o seu período de estudos con actividade profesional propia da empresa nunha situación real, o que contribúe á preparación dos estudantes para a súa entrada no mercado laboral. Así mesmo, esta formación favorece ás empresas, que poden preparar aos estudantes de acordo coas necesidades reais do noso tecido produtivo.
De feito, o valor diferencial da FP Dual radica na combinación de formación curricular con actividade profesional remunerada na empresa (arredor do 62 % dos 3 cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. O período formativo desenvolveranse no IES Ricardo Mella, así como nas instalacións de Bosch Communication Center (Bosch Security Systems S.A.U.) en Vigo.
Ao acto, ademais dos asinantes, asistiu a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández; e Antonio Iglesias, de Bosch.
Desenvolvemento do proxecto
O proxecto no ciclo superior de Administración e finanzas terá unha duración de 4.800 horas, ao longo de 3 cursos. Delas, 1.796 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.050 horas impartiranse no IES Ricardo Mella e as outras 540 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 206 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.
Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 3.004 horas de actividade profesional propia da empresa. Neste tempo o alumnado percibirá unha remuneración a través do Programa de Bolsas Formación Profesional Dual – nacido ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA)- , cun importe que se fixará tomando como base o soldo mínimo interprofesional publicado para cada ano de duración do proxecto, e en proporción ao tempo de actividade profesional na empresa do estudante. O importe desta bolsa, que os estudantes percibirán mes a mes, inclúe ademais a cotización ao réxime xeral da Seguridade social e as retencións tributarias exixibles.
A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:
|
Curso 2014-2015 |
Curso 2015-2016 |
Curso 2016-2017 |
Total |
|
Formación curricular |
Formación en centro educativo (FCE) |
352 h |
360 h |
338 h |
1.050 h |
Formación en empresa (FEM) |
181 h |
185 h |
174 h |
540 h |
|
Actividade profesional/formación en empresa (TFE) |
Actividade profesional propia da empresa |
881 h |
1.047 h |
1.076 h |
3.004 h |
Formación complementaria |
188 h |
18 h |
- |
206 h |
|
Total |
1.602 h |
1.610 h |
1.588 h |
4.800 h |
Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora da alumna ou alumno, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o IES Ricardo Mella designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación co profesorado, e servir como interlocutor coa empresa.
Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do IES Ricardo Mella e de Bosch Security Systems, S.A.U..