Cultura e Educación centra na ciencia e a tecnoloxía a novena edición dos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, nos que participan preto de 525 docentes
Nestas xornadas teñen a oportunidade de asistir a relatorios de expertos en materia de bibliotecas, investigadores en materia de lectura, bibliotecas e tecnoloxía ou científicos destacados
Así mesmo, participan en reunións e coloquios sobre temas de interese específico no desenvolvemento das actividades da biblioteca, e poden intercambiar experiencias e boas prácticas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, inaugurou hoxe os encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2013/2014, a novena edición destes encontros, nos que participan desta vez preto de 525 docentes e coordinadores das bibliotecas nos centros educativos. A edición deste ano está centrada nas posibilidades que a biblioteca escolar ofrece para o estudo das ciencias e a tecnoloxía nos centros educativos, como exemplo da utilidade dos seus recursos como ferramenta para a aprendizaxe nas diferentes materias.
Nestas xornadas, que se celebran hoxe e mañá no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, os participantes terán a posibilidade de asistir a relatorios de expertos en biblioteca como Inés Miret ou Luis Miguel Cencerrado; investigadores en cultura e tecnoloxía, como Antonio Rodríguez de las Heras; científicos como Jorge Mira. Ademais os Encontros serán plataforma para a difusión de prácticas de excelencia que se están a dar en moitas bibliotecas escolares galegas, que se exporán en mesas de experiencias sobre a aproximación ás ciencias desde a biblioteca escolar, sobre a lectura ou sobre as aprendizaxes por proxectos. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería vén de lanzar unha nova iniciativa no ámbito das bibliotecas escolares: a convocatoria do primeiro ‘Concurso de Traballos por Proxectos’, co que se procura estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou de proxectos de investigación baixo a coordinación do equipo da biblioteca escolar ou co apoio desta, realizados en centros non universitarios durante o presente curso 2013/2014.
No marco deste Encontros haberá ocasión, así mesmo, para reunións temáticas, nos que o profesorado entablará coloquio sobre certas temáticas de interese. Ademais, hai un espazo habilitado para a exposición de materiais elaborados polas bibliotecas dos centros e, coma en ocasións anteriores, un recuncho para o intercambio de libros entre os lectores e as lectoras interesados.
Na xornada de hoxe participan os responsables das 23 bibliotecas integradas no programa na última convocatoria (2013). Mañá venres incorporaranse o resto de participantes, en total serán nesta xornada 524 profesoras e profesores, responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca, un por cada un dos centros incluídos neste Plan de mellora de bibliotecas escolares.
Enmarcado no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares 2010/2015 (Lectura, Información e Aprendizaxe), o PLAMBE é unha acción específica dentro da estratexia da Consellería de Cultura e Educación para a renovación das bibliotecas dos centros non universitarios, de maneira que o alumnado do século XXI conte con recursos que lle axuden a desenvolver competencias clave como son as alfabetizacións múltiples e as competencias informacionais.
Programa de actividades
Tras a inauguración, os Encontros comezaron co relatorio ‘¿Reinventarse? Retos para a biblioteca escolar no século XXI’, a cargo de Inés Miret, coordinadora do grupo de expertos en lectura e bibliotecas da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI). Na xornada de hoxe intervirá, así mesmo, Luis Miguel Cencerrado, bibliotecario documentalista experto en bibliotecas para nenos e mozos, co relatorio ‘Sentido e alcance da colección da biblioteca escolar en tempos de cambio’; e persoal da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería dará a benvida aos centros de nova incorporación e informaranlles sobre diversos aspectos relacionados co programa. Ademais celebraranse dúas mesas de experiencias sobre a importancia da biblioteca na sociedade da información, nas que participará profesorado do CEIP Frián-Teis (Vigo), IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), dando a coñecer as experiencias destes centros, seleccionados polas súas boas prácticas.
A xornada do venres comezará coa intervención do director do departamento de física aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e responsable do programa ConCiencia, Jorge Mira, co relatorio ‘A emoción do descubrimento científico: unha ponte cara ao hábito lector reflexivo’; e pecharase coa conferencia do director do Instituto de Cultura e Tecnoloxía da Universidade Carlos III, Antonio Rodríguez de las Heras, arredor do lugar que a biblioteca ten na sociedade tecnolóxica. Ademais, ao longo da mañá celebraranse diferentes mesas de experiencias simultáneas, nas que se abordarán temáticas de interese como a aproximación ás ciencias desde a biblioteca, na que intervirán representantes do CEIP de Cespón (Boiro), IES A Xunqueira II (Pontevedra), IES do Porto do Son e IES Parga Pondal (Carballo); a formación de lectores, con participación do IES San Paio (Tui) e do CEIP Saco e Arce (Toén); ou a importancia das bibliotecas para a adquisición das competencias básicas por parte do alumnado, da man de representantes do CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás) e do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño).
Xa pola tarde, o profesorado responsable das bibliotecas do PLAMBE poderán participar en ata 7 encontros diferentes, arredor da investigación en internet, o sistema MEIGA, os materiais e recursos das coleccións das bibliotecas escolares, a especificidade da biblioteca segundo o tipo de centro no que se encontre, a coordinación do programa da biblioteca con outros que se desenvolvan no centro, a integración das ciencias e as humanidades nestes espazos, ou o fortalecemento dos contactos entre centros educativos da zona para o desenvolvemento de accións conxuntas nesta materia. As distintas sesións contarán coa intervención e coordinación – en cada caso- de Inés Miret, Luis Miguel Cencerrado, e de representantes do IES Fernando Esquío (Neda), do Conservatorio de Música de Ferrol, do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), do IES Alexandre Bóveda (Vigo) e do CEIP Alexandre Bóveda (Redondela).
As bibliotecas na mellora do sistema educativo A Consellería está a facer unha forte aposta polas bibliotecas escolares, cuxa achega á mellora do sistema educativo vén avalada por resultados como os de Galicia do informe PISA 2012, onde a nosa comunidade rexistrou unha mellora de 13 puntos na competencia lectora, 11 puntos por riba da media nacional e 3 puntos por riba da media da OCDE.
Así mesmo, as bibliotecas escolares galegas están a ver recoñecido o seu traballo a través de numerosos premios de boas prácticas a nivel nacional, grazas a esta estratexia de impulso que supón o Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). De feito, son xa 524 centros de ensino os integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), 300 máis das que había ao inicio da lexislatura. En breve, publicarase unha nova convocatoria deste programa para a incorporación de novos centros para o curso 2014/2015.