O conselleiro de Educación inaugura as IV Xornadas de Institutos históricos españois, que por primeira vez se celebran en Galicia

Xesús Vázquez Abad recordou que esta edición é a máis concorrida de cantas se realizaron ata o momento, con preto de 80 asistentes

Lun, 05/07/2010 - 10:53
O conselleiro de Educación nas Xornadas
O conselleiro de Educación nas Xornadas

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as ‘IV Xornadas de Institutos históricos españois. Cultura, educación e patrimonio’, que por primeira vez se celebran en Galicia. Un acto que se celebrou pola mañá no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).

Un proxecto único

Na súa intervención Vázquez Abad, en nome da Xunta e da Consellería, deu a benvida a estas xornadas aos organizadores e asistentes dicíndolles que “constitúe unha honra para mín proceder á apertura destas IV Xornadas de Institutos Históricos Españois, que baixo o lema universal e de constante actualidade: “cultura”, “educación” e “patrimonio”, os tres piares principais de calquera sociedade do noso tempo, vánse celebrar, por primeira vez, en Galicia”.

O conselleiro dixo que estes días “servirán para mellorar e profundizar nas canles de comunicación e colaboración, de intercambio e de estudio dun patrimonio documental, instrumental e bibliográfico, noutro tempo pouco valorado e descoñecido, que constitúe un legado científico e cultural de primeira magnitude”.

Vázquez Abad recordou que “os Institutos históricos galegos están coordinados polo MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), e representan o mellor da nosa tradición no campo do ensino público. Isto quere dicir que foron centros vitais -seguen a selo na actualidade- para a transformación dunha sociedade caracterizada polo subdesenvolvemento e a emigración nos tempos en que foron creados”. E recordou que polos Institutos Históricos pasaron, ben como mestres ben como estudantes, figuras galegas tan significativas como Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Salvador de Madariaga, Sánchez Cantón, Gonzalo Torrente Ballester, Ramón María del Valle Inclán, Eduardo Blanco-Amor…     

Poder de convocatoria

Esta edición, que se celebrará desde hoxe ata o xoves 8 de xullo, é a máis concorrida e contará coa asistencia 80 profesores e técnicos relacionados cos institutos históricos de España. Con esta nova edición das xornadas, Galicia ten a posibilidade de dar a coñecer os seus centros e patrimonio educativo, grazas ao traballo desenvolvido desde a Consellería de Educación e o MUPEGA, así como o do Xacobeo 2010. Deste modo, continúase cos traballos a prol do mantemento destes institutos históricos. As anteriores xornadas celebráronse en Granada, Tenerife e Guadalaxara.

A convocatoria realizada en Galicia espertou o interese de asesores do Ministerio de Educación, así como de Jacques Moret, o director do Instituto Nacional de Recursos Pedagóxicos, do que depende o Museo Nacional da Educación de Rouen, en Francia.  Tras a intervención do conselleiro, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, realizou o relatorio inaugural “Sistema educativo e nacionalización”.

Durante o acto inaugural estiveron presentes o secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén Barcala, representantes do Mupega e dos centros históricos.

O desenvolvemento das xornadas

Todos os asistentes as xornadas terán o epicentro do encontro en Santiago de Compostela, e realizarán desprazamentos para visitar o IES Xelmírez I, en Santiago; o Salvador Madariaga, na Coruña; o Lucus Augusti, de Lugo; o Sánchez Cantón, de Pontevedra; e o Otero Pedraio, de Ourense. A apertura de todos estes centros data do século XIX e foron dotados de fondos acorde coa lei Pidal. Entre os fondos destes centros educativos destacan traballos de taxidermia, trebellos de medición, balanzas de precisión e outros aparellos.

Así na xornada de hoxe os asistentes visitarán a sede do Mupega, e xa pola tarde se desprazaranse a A Coruña, onde coñeceran os fondos museisticos do IES Salvador de Madariaga onde asistiran ao relatorio “Recreación do descobremento do electrón coa utilización do instrumental do século XIX”, impartido por José Antonio Lorenzo Pardo, catedrático do centro coruñés.

Xa mañá visitarán o Xelmírez I e coñeceran o seu patrimonio, ademais de asistir ao relatorio “Valor patrimonial do IES Arcebispo Xelmírez I”, impartido por Ricardo Gurriarán, catedrático do centro. O mércores a visita será ao Lucus Augusti lucense onde o seu catedrático, Antonio Prado Gómez, impartirá a charla “Perspectiva histórica do Instituto Provincial de Lugo: 1842- 1942”.

O derradeiro día os asistentes as xornadas desprazaranse pola mañá a Ourense para visitar o IES Otero Pedraio e asistir á conferencia “O instituto de Ourense e da Xeración Nós”, do director do IES As Lagoas, Alfonso Vázquez- Monxardín Fernández. Pola tarde rematarán o encontro no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, onde se realizará a última conferencia do evento, “Lectura, educación e nativos dixitais”, que correrá a cargo de Darío Villanueva, secretario xeral da Real Academia Española da Lingua. No acto de clausura esta prevista a presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e a presidenta do Consello Escolar do Estado, Carmen Maestro Martín.