Cultura e Educación convocará este ano preto de 1.100 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras

A Consellería vén de abrir o prazo de solicitude para 680 prazas este verán, nas sufragará entre o 85% e o 40% do custo das actividades

Está prevista ademais a convocatoria de outras 400 prazas para o outono, un importante esforzo a prol da aprendizaxe de idiomas

Xov, 27/03/2014 - 10:16
Cultura e Educación convocará este ano preto de 1.100 prazas para que o alumnado
Cultura e Educación convocará este ano preto de 1.100 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará este ano preto de 1.100 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras, facendo de novo un importante esforzo a prol da aprendizaxe de idiomas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura do prazo de solicitude para 680 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras en estadías lingüísticas este verán, ás que se sumarán en outono a convocatoria de arredor de 400 prazas máis. Así, e malia que noutras Comunidades Autónomas este ano non se convocan estas actividades, o alumnado galego de ESO e de bacharelato poderá optar a bolsas para realizar estadías formativas en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de solicitude no caos das estadías de verán estará aberto do 28 de marzo ao 28 de abril –ambos os días incluídos-, con axudas a través das que a Consellería sufragará entre o 85 e o 40% do custo das estadías que realicen as alumnas e alumnos beneficiarios.

En total haberá 680 prazas, das que 150 irán dirixidas a que as alumnas e os alumnos de 1º e 2º de Bacharelato melloren as súas competencias en inglés en estadías de 1 semana en réxime residencial, con profesorado nativo, na Comunidade Autónoma de Galicia, entre o remate do curso escolar e finais do mes de agosto.

No caso dos estudantes de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO, convócanse 530 prazas, en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia, en estadías de 2 semanas, con profesorado nativo, actividades que se desenvolverán no mesmo período que para Bacharelato.

Solicitudes

Os interesados poderán realizar a súa solicitude a través da dirección web http://www.edu.xunta.gal/axudasle, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes dos alumnos e alumnas que se beneficiarán das achegas, a través da sede electrónica da Xunta, no enlace web https://sede.xunta.es , ou presentando o formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta, por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para obter as bolsas os candidatos e as candidatas terán que ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira (inglés) de Ben ou 6 no curso 2012/2013, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico. Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota medida do expediente académico no curso 2012/2013, e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, cun membro cunha discapacidade superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez, e o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.

Contacto idiomático

O propósito desta iniciativa, enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, non é só que os asistentes aprendan un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria preséntase un programa que lle permite ao alumnado formarse lingüisticamente e tamén como persoas. Deste xeito, os seleccionados para os cursos terán a oportunidade de desenvolver actividades como excursións, veladas lúdicas, actividades deportivas, xogos ou obradoiros temáticos.