A Consellería de Cultura e Educación recoñece o mellor expediente da licenciatura en veterinaria do 2013

O secretario xeral de Universidades entregou o diploma distintivo durante o acto de apertura do curso 2014 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia desenvolvido en Santiago

Mér, 26/03/2014 - 19:05

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de recoñecer o mellor expediente académico da Licenciatura en Veterinaria, da Universidade de Santiago no 2013 aRuth Rodríguez Bermúdez, cun diploma entregado polo secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

A acreditación foi entregada no transcurso da apertura do curso 2014 da Academia das Ciencias Veterinarias de Galicia celebrado no Antigo Hospital de San Roque. No encontro o profesor da USC, e presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero, realizou a conferencia maxistral “Animais, vinculados a patoloxías humanas, na historia da medicina galega”.

Ademais no acto distinguiuse ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Veterinarios, a través da figura do seu presidente Uxio Rey Fernández. No acto tamén participaron o presidente e secretario do ACVG, Pablo Díez Baños e José Luis Factor Rodríguez respectivamente, así como o delegado do Goberno de Galicia, Samuel Juárez.

Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

A Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia foi fundada en 2005 coa finalidade de contribuír ao fomento e desenvolvemento das ciencias veterinarias; actuar como entidade científica e consultiva para a coordinación intra e interprofesional, aso como os distintos estamentos da Administración. Ademais ten como obxectivos o establecemento de relacións con entidades análogas nacionais e estranxeiras, así como a organización de reunións científicas e colaboración en actos culturais que terán relación coa Academia. Ademais emite informes para distintas administracións e establece criterios e interpretacións de carácter científico, técnico, sanitario, docente e de información antes problemas de competencia veterinaria que lle xurdan á sociedade galega.