A Consellería de Cultura e Educación pon en marcha máis de un cento de cursos de galego preparatorios das probas Celga 2014
A Secretaría Xeral de Política Lingüística programa 80 cursos Celga en toda Galicia, que impartirá por primeira vez persoal propio da Xunta de Galicia en centros de titularidade da Consellería desde o 1 de abril
A Dirección Xeral de Educación desenvolve outros 24 cursos dentro da oferta formativa das escolas oficiais de idiomas
Esta oferta presencial compleméntase cos cursos en liña preparatorios do Celga 1
As probas de acreditación de coñecemento de lingua galega realizaranse este ano os días 14, 15, 21 e 22 de xuño e a inscrición nelas estará aberta ata o vindeiro 11 de abril
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará máis de un cento de cursos presenciais preparatorios das probas de acreditación de coñecemento de lingua galega (Celga) para o ano 2014. 80 destes cursos impartiranse por primeira vez en centros de ensino de titularidade pública da Xunta de Galicia, mentres que outros 24 integrarán a oferta formativa en lingua galega das escolas oficiais de idiomas de Galicia.
Así, por primeira vez, a Administración autonómica establecerá esta oferta de formación non regrada para persoas adultas no marco do sistema educativo público de Galicia, coa finalidade de estabilizar e consolidar definitivamente a implantación do Celga iniciada a partir do ano 2006, tras a adaptación da certificación de lingua galega ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas.
Cursos preparatorios e probas de acreditación do Celga 2014
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar no seu web a oferta de cursos preparatorios das probas Celga 2014 nos niveis 1, 2, 3 e 4. Os cursos terán unha duración de 70 horas e desenvolveranse entre abril e maio en centros de ensino localizados en diferentes localidades das catro provincias galegas. As persoas interesadas en asistiren a eles deberán dirixir as súas solicitudes mediante correo electrónico aos gabinetes provinciais de Normalización Lingüística ata o 30 de marzo (incluído). Esta oferta de formación presencial compleméntase coa dos cursos en liña preparatorios das probas do Celga 1.
A asistencia aos cursos non implica a expedición de ningún tipo de certificación ou diploma acreditativos. Para obteren a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas Celga que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou para xuño deste ano e para as que está aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 11 de abril (incluído).
Os exames de acreditación terán lugar, como vén sendo habitual, en diferentes puntos de Galicia (Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo), así como en Ponferrada, Madrid e Barcelona, os días 14 xuño (Celga 4), 15 de xuño (Celga 2), 21 de xuño (Celga 3) e 22 de xuño (Celga 1).
Toda a información acerca da oferta formativa e da inscrición das probas de acreditación, no web www.xunta.es/linguagalega.
Materiais preparatorios en liña
Amais de preparar as probas Celga a través destes cursos, tamén é posible facelo de xeito autodidacta, preparando por libre o programa do nivel do Celga ao que se quere optar. Tanto para unha opción como para a outra, a secretaría xeral ten no seu web, a disposición da cidadanía, materiais de utilidade para preparar as probas de cada nivel, entre os que se inclúen os manuais da colección Aula de galego, así como diversos modelos de exames das probas realizadas nos últimos anos.