‘FalaRedes 2014’, de Cultura e Educación, leva 'Toc Toc' a Arteixo, Carral e Ferrol para achegar a xente miúda ao galego de xeito lúdico e divertido
Tras un breve descanso, o musical infantil-familiar co que botou a andar a terceira edición do programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, retoma a xira coa que visitará 20 concellos da Rede de Dinamización Lingüística entre marzo e abril
Ante a grande acollida que está a ter o concerto do próximo 30 de marzo en Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello amplían a capacidade ata mil prazas e reforzan a actividade cun Pablo Díaz que actuará arroupado pola banda Toc Toc ao completo
O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúa tras un breve descanso o seu itinerario polos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, chegando esta fin de semana ás localidades coruñesas de Arteixo, Carral e Ferrol.
Farao da man do concerto infantil-familiar Toc Toc, a primeira das cinco propostas de promoción social do idioma que ofrecerá o programa este ano e na que o coñecido artista coruñés Pablo Díaz dá conta do repertorio musical do seu libro-disco homónimo, publicado recentemente pola editorial Galaxia.
Toc Toc chega mañá, sábado, a Arteixo, cunha función ás 12:00 horas no Centro Cívico Sociocultural (as entradas poden recollerse previamente no servizo lingüístico municipal, en horario de 08:00 -14:00 h); e a Carral, onde poderá verse ás 18:00 horas na Sala Toñito Espiñeira (as entradas poñeranse a disposición alí o mesmo día do concerto). Xa o domingo, será a cidade de Ferrol a que acolla o espectáculo de Pablo Díaz, ás 18:00 horas no Teatro Jofre.
Toc Toc, música en galego para nenos de 3 a 10 anos
O musical co que botou a andar a terceira edición de FalaRedes está destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias. Nel, a xente miúda da casa cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, dun xeito lúdico e co galego como lingua.
Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, convertendo o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que os nenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.
Tras as actuacións de Arteixo, Carral e Ferrol, o concerto de Pablo Díaz continuará a súa xira, que o levará en exclusividade entre marzo e abril a 20 concellos da RDL. Así, a última fin de semana deste mes aínda visitará Cuntis, Baiona, Santiago de Compostela e O Porriño. Xa en abril, o Toc Toc fará parada en Burela, Oleiros, O Barco de Valdeorras, Bueu, Xinzo de Limia, Vedra, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Mos.
Grande expectación na capital galega
Esta primeira actividade de FalaRedes 2014 está a xerar grande expectación en Santiago de Compostela, onde a principios desta semana xa se esgotaran as 260 entradas que había dispoñibles para o concerto do próximo domingo 30 de marzo. Ante esta boa acollida, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello compostelán decidiron ampliar a capacidade cambiando a actuación de sala para que ninguén quede sen a posibilidade de gozar en directo e de balde deste divertido espectáculo musical.
Así, a cita na capital galega trasládase á Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, con espazo para 998 persoas e na que Pablo Díaz actuará arroupado pola banda Toc Toc ao completo, composta por un total de seis músicos, fronte aos tres habituais na xira de FalaRedes 2014. As persoas interesadas en asistir coa súa xente miúda pode retirar xa as entradas no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual -de martes a sábado, entre as 18:00 e as 21:00 horas-.
FalaRedes
Logo do éxito obtido nas case 400 actividades desenvolvidas nos seus dous primeiros anos de vida, FalaRedes chega á súa terceira edición con 150 novas propostas de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do galego na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.
Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.
Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.