A aposta da Consellería de Cultura e Educación polas ensinanzas de linguas estranxeiras conseguiu un incremento do 52,5% no número de matriculacións en ensinanzas regradas nas escolas oficiais de idiomas

Ademais nos últimos 5 cursos incrementouse en preto de 11.000 o número de prazas ofertadas nestas ensinanzas

Ven, 07/03/2014 - 14:05
A aposta da Consellería de Cultura e Educación polas ensinanzas de linguas estra
A aposta da Consellería de Cultura e Educación polas ensinanzas de linguas estranxeiras conseguiu un incremento do 52,5% no número de matriculacións en ensinanzas regradas nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incrementou nos últimos 5 cursos en preto de 11.000 o número de prazas en ensinanzas regradas que se imparten nas 11 Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia e nas súas 28 seccións -9 deles abertas pola actual Consellería-. Así o explicou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, esta mañá no Parlamento de Galicia, onde salientou que a aposta da Consellería pola aprendizaxe de idiomas a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras ten conseguido un incremento do número de matriculacións nestas ensinanzas do 52,5% respecto do curso 2008/2009, é dicir, 11.981 alumnos máis. De feito, tal e como explicou, respecto do curso 2012/2013 hoxe hai un 3% máis de matriculados nas EOIs.

O director xeral explicou que este curso ofertáronse 45.860 prazas en ensinanzas regradas- das que quedaron 11.048 vacantes-, o que supón un total de 1.567 grupos, 360 máis ca no curso 2008/2009. Ademais, ofértanse 1.060 prazas en cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC), 400 para os cursos de linguaxe administrativa galega, 900 para cursos CELGA e 500 para cursos de formación do profesorado; así como numerosos cursos específicos “que axudan a dar resposta ás necesidades dos colectivos profesionais de adquirir as competencias lingüísticas pertinentes para desenvovler o seu traballo nun mundo cada vez máis globalizado”.

Resposta á demanda da cidadanía

O director xeral salientou o esforzo da Consellería para dar resposta ás demandas da cidadanía no que atinxe á aprendizaxe de linguas estranxeiras. Así, explicou que o inglés sigue a ser o idioma máis demandado, cun total de 22.715 matriculados este curso – fronte aos 14.845 do 08/09-, ademais dos 2.384 alumnas e alumnos do programa a distancia ‘That’s English!’, un incremento de algo máis de 1.000 dos que tiña no 08/09.

Así mesmo, destacou o crecente interese por linguas como o alemán e o chinés. En concreto, os matriculados nos cursos presenciais de alemán nas Escolas Oficiais de Idiomas galegas pasaron dos 1.470 no curso 2008-09 aos 3.101 do presente curso; mentres que no caso de chinés pasouse de 270 alumnos a 500.  “Actualmente, pode estudarse chinés nas Escolas Oficiais de Idiomas de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo”, explicou, lembrando que a EOI de Ourense implantou con gran éxito no curso 2012/13 os estudos de chinés, “o que tivo como consecuencia que este ano se ofertaran 120 novas prazas para responder ao crecente interese e que se oferten todos os niveis formativos neste idioma. Neste mesmo curso 13/14 a EOI de Vigo o chinés viu aumentada a súa oferta en 60 e na EOI de Lugo puxéronse en funcionamento 4 grupos cun total de 120 prazas”.

“Ademais, este curso impartíronse por primeira vez cursos especializados para o perfeccionamento en idiomas de nivel C1 nas EOIs de Galicia, cun total de 177 persoas matriculadas”, recordou, unhas ensinanzas que eran moi demandadas pola cidadanía.

Neste sentido o director xeral reafirmou o compromiso da Consellería coa “importante tarefa que están a desenvolver as Escolas Oficiais de Idiomas e que, cada vez máis, ten que ver co perfeccionamento das competencias en linguas estranxeiras, unha función que complementa a aprendizaxe de idiomas impulsada xa no ensino obrigatorio, por exemplo, a través dos centros plurilingües”.