A Xunta de Galicia e o goberno Castelán-Leonés inauguran as ‘Xornadas Martín Sarmiento. Educación, cultura e lingua’
A iniciativa conmemora o décimo segundo aniversario da promoción do uso da lingua e da cultura propias de Galicia nos plans de estudo dos centros educativos do Bierzo e Sanabria, por medio do programa de ensino e aprendizaxe do galego
Xesús Vázquez Abad lembrou na apertura das xornadas que este programa fortalece os históricos lazos de unión entre Galicia e Castela León grazas a “este proxecto educativo, cultural e lingüístico que fai moito máis plural o noso entorno”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director general de Recursos Humanos, Jesús Hurtado Olea, inauguraron hoxe pola mañá no Teatro Vilafranquino as “VI Xornadas Martín Sarmiento. Educación, cultura e lingua”, coas que A Comisión Cultural Martín Sarmiento conmemora os doce anos de funcionamento do programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria. Ademais, participaron no acto inaugural, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a alcaldesa de Vilafranca do Bierzo, Concepción López Blanco, e o coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, Héctor M. Silveiro.
Na súa intervención, Vázquez Abad fixo fincapé na colaboración entre ambos gobernos autonómicos na posta en marcha do programa de promoción do galego, expresando o seu agradecemento aos representantes do departamento educativo castelán-leonés “polo feito de que a institución da que son responsables teña aceptado e mantido este proxecto educativo, cultural e lingüístico que fai moito máis plural o noso entorno e fortalece os lazos de unión historicamente existentes entre Galicia e Castela León.” Cómpre lembrar que a colaboración para a promoción do idioma galego se circunscribe aos territorios limítrofes das provincias de León e de Zamora coa comunidade autónoma galega, en concreto ás zonas do Bierzo e de Sanabria.
Programa de promoción do galego
O conselleiro de Cultura e Educación gabouse do éxito e funcionamento óptimo do programa e lembrou que “a evolución do número de alumnos e centros participantes no Programa para a promoción da lingua galega non deixou de aumentar ano tras ano”. Nesta mesma liña, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceulle á Junta de Castilla y León a estreita colaboración institucional na consolidación do programa e a súa “sensibilidade pola diversidade cultural e lingüística”, aos pais e nais do alumnado participante “o seu convencemento dos beneficios que este programa supón para os seus fillos”, e ao profesorado “a súa extraordinaria entrega nesta tarefa educativa.”
Ademais, o conselleiro lembrou algúns dos principais beneficios de cursar o programa de galego, desde “a validación administrativa destes estudos para obter o nivel 3 do Certificado de Lingua Galega”, á posibilidade de “conectar –en palabras de Vázquez Abad–,co extenso mundo da lusofonía, no que vos poderedes comunicar con máis de 250 millóns de persoas en todo o mundo.”
VI Xornadas Martín Sarmiento. Educación, cultura e lingua
As VI Xornadas abríronse hoxe cunha primeira sesión de intercambio escolar Martín Sarmiento que se celebrou no Teatro Vilafranquino e que comezou coa exposición dos traballos de secundaria sobre a experiencia do programa de promoción do galego no Bierzo, na que estivo presente a totalidade do alumnado dos IES que participan na iniciativa (os IES Padre Sarmiento de Vilafranca, Bergidum Flavium de Cacabelos e Europa e mais Virgen de la Encina de Ponferrada).
Logo da apertura institucional, a compostelá “Xandobela. Xestión e dinamización sociocultural” levou a escena, da man de Brais Fernández, a performance didáctica ‘Historia da Lingua e Sarmiento’, que lles achegou aos rapaces a figura do intelectual berciano na historia da lingua galega. A continuación, e guiados polo coordinador da comisión organizadora, Hector Silveiro, realizouse o “Itinerario da mao de Sarmiento por Vilafranca”, un roteiro a pé por espazos significativos da zona de San Nicolás que incluíu a visita das autoridades e participantes nas xornadas ao Museo de Ciencias Naturales y Etnográfico de los Padres Paúles.
De regreso ao Teatro Vilafranquino, ofreceuse unha segunda actuación, neste caso adaptada ao público infantil e da man dos galegos Magín Blanco e o Teatro dos Ghazafellos, o musical “A nena e o grilo no barquiño”. Participou nel alumnado de 14 centros educativos de primaria da comunidade castelá-leonesa, provenientes de localidades como Vilafranca, Cacabelos, Ponferrada, Camponaraia ou Zamora, entroutras.
A clausura da sesión de intercambio escolar correu a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participará hoxe á tarde na mesa de debate “As arelas de Sarmiento. Presente e futuro do Programa de promoción do galego no Bierzo”. Será ás 18:00 horas no salón de actos do edificio central da Universidade de León no Campus de Ponferrada.
Fomentar o coñecemento da lingua propia de Galicia nas comunidades estremeiras
Grazas á colaboración iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos en 2006, actualmente estudan materias de ou en galego un total de 1.078 alumnos e alumnas que cursan estudos de ensino primario ou medio en centros de León e Zamora.
Este alumnado repártese, no caso dos centros de infantil e primaria, en León, no CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP de Toral de Merayo, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CRA Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA da Ponte de Domingo Flórez, Colexio Divina Pastora de Vilafranca e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián. Canto aos IES adscritos ao programa, estes son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virxe da Encina.
No marco do Programa, o alumnado dos centros participantes opta, se así o desexa, a recibir docencia co galego como lingua vehicular na área de Descubrimento físico e social e na de Identidade e autonomía persoal, na etapa de infantil; na de Coñecemento do entorno e na de Educación artística, en primaria; e na de Ciencias sociais, xeografía e historia, en secundaria.Ao estudantado que o finaliza na ESO e no bacharelato recoñécenselle os niveis oficiais de Certificación do coñecemento en lingua galega (Celga) 2 e 3, respectivamente. Xunto a eles, outros 59 alumnos e alumnas cursan estudos oficiais de galego na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.
Ademais, o alumnado ten a oportunidade de afianzar os seus estudos de galego con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación, como a xa programada para este curso 2013-2014. Con ela posibilitarase que a finais de abril 165 escolares de entre 12 e 18 anos se acheguen de primeira man, acompañados polo seu profesorado, á cultura e á lingua propias de Galicia nunha estadía dunha semana que os levará a coñecer varios lugares de interese patrimonial e lingüístico da nosa comunidade autónoma.