A Xunta porá en marcha unha plataforma de contidos dixitais que beneficiará a 22.500 alumnos en tres anos e permitirá un aforro de 4,5 millóns de euros

Indica que esta plataforma de aprendizaxe virtual contará cun investimento inicial de 3,6M€ e, nela, os alumnos poderán acceder a contidos curriculares completos e gratuítos facilitados pola Xunta, e a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos

Explica que o proxecto comezará o vindeiro curso 2014-2015 coa incorporación dos primeiros 2.500 alumnos de 5º de primaria e, no curso 2015-2016, a previsión é que a plataforma estea dispoñible en 5º e 6º de primaria e 1º de ESO, cun alcance de 7.500 alumnos

Asegura que, no terceiro ano, o obxectivo é que sexa empregado por 12.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO, chegando así en 3 anos a un total de 22.500 estudantes

Os centros que participen nesta primeira convocatoria han de estar adscritos á rede Abalar, e terán que contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada, presentar un proxecto para a implantación do libro dixital, e propoñer unha persoa coordinadora do proxecto

Destaca os avances realizados pola Xunta de Galicia para incorporar as vantaxes das novas tecnoloxías aos colexios a través do Proxecto Abalar, xa operativo en 2.296 aulas de 531 centros e que beneficia a 50.000 alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO

Ven, 07/03/2014 - 09:50
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello (Autora: Conchi Paz)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, tras o Consello, a posta en marcha no vindeiro curso 2014-2015 dunha plataforma de contidos dixitais que beneficiará a 22.500 alumnos en tres anos e permitirá un aforro de 4,5 millóns de euros. “No vindeiro curso 2014-2015 imos poñer en marcha unha plataforma de contidos curriculares dixitais completos, é dicir, das materias de todo o curso, gratuítos para as familias e accesibles, sen necesidade de conectividade”, afirmou.

Nun primeiro termo, Feijóo precisou que a plataforma de aprendizaxe virtual contará cun investimento inicial de 3,6 millóns de euros e, nela, os alumnos poderán acceder a contidos curriculares completos e gratuítos facilitados pola Xunta como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos.

Segundo explicou, o proxecto comezará o vindeiro curso 2014-2015 coa incorporación dos primeiros 2.500 alumnos de 5º de primaria e, no curso 2015-2016, a previsión é que a plataforma estea dispoñible en 5º e 6º de primaria e en 1º de ESO, cun alcance de 7.500 alumnos. Así, no terceiro ano, o obxectivo é que sexa empregado por 12.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO, chegando así en 3 anos a un total de 22.500 estudantes.

O responsable do Executivo autonómico explicou que nos vindeiros días publicarase a convocatoria para a selección de centros que participarán voluntariamente na iniciativa. E, neste sentido, subliñou que no procedemento de selección da primeira convocatoria poderán participar os centros educativos adscritos á rede Abalar que impartan no curso 2014-2015 ensinanzas de 5º de educación primaria, e que cumpran requirimentos como contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada -que variará segundo o número de aulas vinculadas ao proxecto, dos 2 Mbps aos 10 Mbps-, presentar un proxecto do centro para a implantación do libro dixital, ou propoñer unha persoa coordinadora do proxecto.

Feijóo argumentou que a ensinanza dixital supón un cambio de gran relevancia para os docentes, os alumnos e os pais. “Para os docentes -dixo-, posto que significa modificar a forma de ensinar; para os alumnos, porque terán acceso a un sistema educativo máis avanzado e distinto; para os pais, porque supón un aforro de 4,5 millóns de euros tan só nestes 22.500 alumnos; e, por suposto, suporá un cambio para a educación pública porque pasamos do papel ao libro dixital”, observou. A educación pública con este tipo de prantexamentos, agregou, “é unha educación pública que ten moito máis futuro”.

O Proxecto Abalar

Por último, Feijóo lembrou tamén os avances realizados pola Xunta de Galicia para incorporar as vantaxes das novas tecnoloxías ao día a día dos colexios a través do Proxecto Abalar, xa operativo en 2.296 aulas de 531 centros e que beneficia a 50.000 alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO.

Así mesmo, destacou que a evolución do Proxecto Abalar nos tres últimos anos reflíctese non só no número de aulas e alumnos beneficiados senón, tamén, nas actividades e iniciativas que se desenvolveron para os restantes integrantes da comunidade educativa: profesores, pais e nais. Así, o Plan de formación do profesorado realizou ao redor de 1.100 actividades, presenciais e a distancia, das que se beneficiaron máis de 22.000 docentes; e a iniciativa Navega con Rumbo para concienciar sobre os bos hábitos de uso na rede a profesores, pais, nais e alumnos chegou a máis de 650 centros e preto de 40.000 persoas.

Outro dos eixos fundamentais do proxecto é o Repositorio de contidos dixitais do espazo Abalar, que se está a consolidar como punto de encontro da comunidade educativa na rede, xa que, desde que comezara a funcionar en novembro de 2010, os usuarios do portal espazoAbalar teñen realizado 2,6 millóns de descargas. EspazoAbalar conta con 2.056 recursos educativos dixitais complementarios, dispoñibles en sete idiomas.

Neste eido, Feijóo recordou que unha das últimas iniciativas do Proxecto Abalar foi a posta en marcha da aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos desde calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.