A Consellería de Cultura e Educación convoca cursos preparatorios do Celga presenciais en sete EOI de Galicia e tamén en liña
O departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad abriu xa os prazos de matrícula o 25 de febreiro e as solicitudes pódense presentar ata este venres, 7 de marzo, no caso da oferta formativa en escolas de idiomas, e ata o vindeiro 22 de marzo, no caso da formación en liña
Ambas as dúas convocatorias forman parte do plan de formación en lingua galega para persoas adultas que porá en marcha a Xunta de Galicia durante este ano, ás que sumará a partir de abril a habitual oferta formativa presencial en localidades galegas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar novos cursos preparatorios para as probas de acreditación da certificación de lingua galega (Celga), baixo as modalidades presenciais e en liña (estes últimos dirixidos ao nivel Celga 1). Os cursos presenciais, convocados por medio da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, desenvolveranse entre os meses de marzo e maio nas escolas oficiais de idiomas das sete cidades galegas. A teleformación dirixida á preparación das probas de acreditación do nivel 1 do Celga, que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dará comezo a finais deste mes e desenvolverase ata primeiros de xuño, ao longo de dez semanas.
Tanto os cursos preparatorios presenciais coma os cursos en liña non teñen custo para o alumnado e pódenos solicitar aquelas persoas maiores de dezaseis anos, ou quen os faga en 2014, que desexen preparar as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificaren a súa competencia en lingua galega. Estas probas realizaranse, como vén sendo habitual, no mes de xuño en diferentes puntos de Galicia, así como Madrid, Barcelona e Ponferrada, no caso do exterior.
Cursos preparatorios do Celga nas EOI das cidades
A Consellería de Cultura e Educación programa un total de 24 cursos preparatorios do Celga nas escolas de idiomas das sete cidades galegas. Así, de marzo a maio, desenvolveranse, en horario de mañá e de tarde, un total de catro cursos Celga na EOI da Coruña; outros catro na EOI de Ferrol; tres na EOI de Santiago de Compostela; un na EOI de Lugo; tres na EOI de Ourense; outros tres na EOI de Pontevedra e seis máis na EOI de Vigo. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ofrece por primeira vez cursos preparatorios do Celga 4 nas súas escolas de idiomas.
As solicitudes presentaranse, ben na secretaría da EOI onde teña lugar o curso, ben por medio de calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nos dous casos cómpre empregar o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo está aberto ata este venres, 7 de marzo.
Cursos en liña preparatorios das probas de acreditación do Celga 1
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou desde o seu web www.xunta.es/linguagalega, unha nova edición dos cursos en liña preparatorios para as probas de certificación de lingua galega no seu primeiro nivel. Trátase dunha acción formativa dirixida, nomeadamente, a persoas estranxeiras, non galegofalantes ou que non conten con formación en lingua galega e que estean interesadas en achegarse ao idioma para melloraren a súa competencia lingüística básica en galego. A solicitude de matrícula neles estará aberta ata o vindeiro 22 de marzo.
Esta oferta teleformativa contempla un total de tres cursos gratuítos que darán comezo o 31 de marzo nos que se admitirán, por rigorosa orde de chegada, ata 50 solicitudes en cada un (150 en total). Desenvolveranse durante 10 semanas durante as que o alumnado se deberá preparar para os exames de acreditación do Celga 1 mediante o traballo das 10 unidades didácticas que conforman o curso exercitando as catro competencias lingüísticas en galego (expresión e comprensión oral, e expresión e comprensión escrita).
A Xunta de Galicia aposta desde esta liña de traballo polos sistemas de ensino e aprendizaxe en liña para facilitarlles o acceso á formación de lingua galega ás persoas adultas que desexan adquirir ou mellorar a súa competencia lingüística aproveitando as vantaxes que ofrecen as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) no ámbito da formación.
Plan de formación en lingua galega para persoas adultas 2014
Tanto a convocatoria de cursos preparatorios do Celga nas EOI como a oferta de teleformación destinada á preparación do nivel Celga 1 forman parte do plan de formación en lingua galega para persoas adultas que porá en marcha, como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia durante este ano, por medio da Consellería de Cultura e Educación.
Nas vindeiras semanas darase a coñecer a oferta de cursos preparatorios do Celga que, baixo a modalidade tamén presencial, despregará a Secretaría Xeral de Política Lingüística en diferentes puntos da xeografía galega a partir do mes de abril.
Nin os cursos presenciais nin os de teleformación dan dereito á certificación automática do Celga nin a ningunha outra acreditación de horas de formación en lingua galega, por tratarse dos cursos preparatorios para os exames oficiais de acreditación que organiza a Administración autonómica.