O conselleiro de Cultura e Educación comproba o resultado das obras de substitución da cuberta do CEIP O Couto (Ourense), un centro no que o seu departamento ten investido máis de 460.000 euros en obras

Xesús Vázquez Abad salientou o compromiso da Xunta de Galicia coa comunidade educativa deste centro, dando resposta ás súas demandas de renovación do tellado

Ven, 28/02/2014 - 10:40
 O conselleiro de Cultura e Educación comproba o resultado das obras de substitu
O conselleiro de Cultura e Educación comproba o resultado das obras de substitución da cuberta do CEIP O Couto (Ourense), un centro no que o seu departamento ten investido máis de 460.000 euros en obras

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP O Couto no que comprobou o resultado das obras de substitución das cubertas realizadas durante o período non lectivo do verán. “Desta forma – dixo- queda demostrado o compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa comunidade educativa deste centro, que viña demandando esta renovación do tellado”.

Durante a visita na que estivo acompañado polo director do centro, José Luis Pereira Pérez; polo delegado territorial da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; o conselleiro salientou o investimento realizado neste colexio, que ascende a máis de 460.000 euros en obras nos últimos anos. Así, o pasado verán reparouse substituíuse a anterior cuberta do centro, de fibrocemento e tellas, por unha nova de dobre chapa metálica, que permite un illamento eficaz do edificio. Ademais, realizouse una reparación da cuberta da pista polideportiva, que permitiu asegurala fronte aos temporais deste inverno.

Estas obras súmanse ás realizadas desde o ano 2009, entre as que destacan o pintado das aulas, a instalación dun ascensor, a reparación da instalación de fontanería ou a colocación de barandillas. “Ademais executáronse traballos para o acondicionamento dun espazo como ximnasio, comedor e dotación de aseos, entre outras melloras do centro”, resumiu o conselleiro de Cultura e Educación.

Biblioteca e plurilingüismo

Vázquez Abad puido visitar a biblioteca escolar, que conta coas achegas da Consellería para que os seus máis de 400 alumnos e alumnas poidan aproveitar este espazo como un centro de recursos para a lectura, o lecer e a alfabetización informacional, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe).

Ademais, o conselleiro interesouse polo funcionamento das seccións bilingües coas que conta o centro en educación plástica nos cursos de 5º e 6º de primaria, das que se benefician este curso 88 alumnas e alumnos, co apoio dunha auxiliar de conversa; así como polo da aula dixital do CEIP.