O conselleiro de Cultura e Educación entrega os premios do primeiro campionato de sumillería ‘Suso Domínguez’, organizado polo CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra
A xornada é unha homenaxe ao profesor falecido en 2012 e coa que se reivindica os estudos relativos á figura do sumiller
Entre os participantes había alumnos de centros de hostalaría de Galicia e Portugal, e os galardoados recibiron unha beca para a realización dun máster en sumillería no Instituto Galego do Viño
O centro é pioneiro en FP Dual co ciclo formativo de grado medio de Servizos de Restaurante e Bar
A Consellería xunto á Deputación xa está a manter encontros para adaptar e ampliar significativamente as instalacións do CIFP
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe os premios do primeiro campionato de sumillería das Escolas de Hostalería e Turismo de Galicia e Portugal ‘Suso Domínguez’ organizada polo CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, e que se desenvolveu na cidade infantil “Principe Felipe”, de Pontevedra.
Na súa intervención o conselleiro recordou a importancia que están cobrando os estudos relacionados coa figura do sumiller e así sinalou que “este certame non só honra a memoria de Suso Domínguez senón que reivindica ademais a figura do sumiller, o labor destes profesionais da restauración que mentres axudan á súa clientela a coñecer o complexo mundo dos viños e aconsellan aos restauradores, constitúense como parte fundamental da nosa cultura e identidade como pobo” e engadiu que “eles, como o resto dos profesionais e do alumnado que hoxe se forma nas familias de hostalería e turismo, xogarán un importante papel na creación e consolidación da imaxe Galicia polo mundo”.
Así recordou que na actualidade é preciso realizar unha actualización continúa dos coñecementos en calquera eido profesional para “calquera profesional que queira destacar no seu desempeño laboral”.
O CIFP Carlos Oroza
Respecto desta constante actualización o conselleiro recordou que o CIFP Carlos Oroza “é pioneiro na FP Dual, co ciclo formativo de grado medio de Servizos de Restaurante e Bar, que se realiza en colaboración coa Federación Provincial de Hostalería. A nosa intención é a de seguir traballando a prol deste centro, para dar resposta rápida e eficaz ás demandas dun alumnado – que medrou preto dun 15% nos últimos dous cursos- disposto a prepararse para as necesidades da súa contorna produtiva”.
En relación as instalacións do centro no que se celebrou o campionato Vázquez Abad asegurou que “estou moi satisfeito de poder anunciar que se teñen celebrado xa as primeiras reunións entre os equipos técnicos da Consellería e da Deputación de Pontevedra e as directivas do Carlos Oroza e do Príncipe Felipe para adaptar e ampliar de xeito significativo as instalacións do primeiro, respondendo ás súas necesidades formativas”.
Representación galego portuguesa
No acto de entrega de premios estiveron presentes o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo Piñeiro; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
Os gañadores desta primeira edición resultaron Daniel Miguélez, do CIFP Manuel Antonio de Vigo; María Rebeca Sánchez, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña; e Francisco José García, do IES Sanxillao de Lugo; e recibiron cadansúa beca para cursar o Máster en Sumillería no Instituto Galego do Viño.
En total os participantes ascenderon a 18 procedentes dos IES lucenses de Foz e Sanxillao; e do Fragas do Eume (A Coruña) e Vilamarín (Ourense). Asemade tamén estiveron representados os CIFP Compostela; Paseo das Pontes (A Coruña); Manuel Antonio (Vigo); Carlos Oroza (Pontevedra) e a Escola de Hostalería de Douro- Lamego (Portugal). Cada un dos centros estivo representado por dous dos seus estudantes e un profesor.
O campionato
O certame, que homenaxea ao profesor Suso Domínguez falecido en 2012, ten como obxectivo poñer en valor e promocionar ao alumnado de servizos de restaurante e na especialidade sumiller. Esta primeira edición centrouse en torno á denominación do orixe “Rías Baixas”, e como xurados exerceron o director do instituto galego do Viño, Xoan Cannas; o presidente dos barista de Galicia, Augusto Marales e en representación de Chivas Regal, José Soto.
As probas, que se realizaron na aula Suso Domínguez das instalacións do CIFP Carlos Oroza consistiron na realización dun cuestionario sobre a D.O. Rías Baixas; identificación de olores e de sabores; e ademais tiveron que pasar a proba carta errónea de viños, na que os estudantes deben corrixir os erros que presenta unha carta de viños españois e o seu maridaxe.
Finalmente, e xa na Cidade Infantil Príncipe Felipe, realizouse a proba de identificación de viños da D.O.Rías Baixas. Xa fora de concursos desenvolveuse unha exhibición de coctelería acrobática a cargo de Quique Romaní, bicampeón galego en dita especialidade.
Ademais do premio do 1º campionato de Sumillería Suso Domínguez tamén se entregou o galardón do concurso de cartelería relativo a dicha competición realizado entre o alumnado do IES Montecelo e no que se recoñeceu o traballo de Esteban Fojo.