Cultura e Educación pon en marcha ‘FalaRedes 2014’, que arranca esta fin de semana en Ourense co concerto ‘Toc Toc’ para dinamizar o galego entre a xente miúda
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a actividade en rolda de prensa, acompañado polos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk
O programa, que se desenvolverá ata finais de ano, incluirá cinco propostas de dinamización lingüística para diferentes públicos, con especial incidencia na infancia e na familia
Chegará aos diferentes concellos da Rede de Dinamización Lingüística durante as fins de semana e os festivos, para reforzar e ampliar a oferta de lecer na lingua propia de Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que chegará por terceiro ano a todos os concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
En palabras do secretario xeral, o seu departamento “incide na programación de actividades de dinamización lingüística para fornecer os concellos implicados na promoción do galego de propostas de ocio na nosa lingua e para achegarlle á cidadanía o idioma como un valor positivo, útil e moderno”. Segundo explicou García Gómez, “tanto desde FalaRedes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Educación lle destina á RDL, como desde a programación propia da RDL queremos reforzar, ampliar e consolidar unha importante oferta de lecer, da man de propostas novidosas e de artistas que apostan polo idioma como ferramenta da súa creatividade”.
García Gómez estivo acompañado polos músicos coruñeses Pablo Díaz e Olga Kirk, xestores do concerto infantil-familiar Toc Toc, unha das cinco propostas de promoción do uso da lingua galega que ofrecerá o programa durante este ano.
Toc Toc, concertos para a xente miúda da casa
A terceira edición de FalaRedes bota a andar con Toc Toc, concertos para nenos de tres ata dez anos de idade e para as súas familias nos que os coñecidos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk darán conta do repertorio musical do seu disco homónimo, publicado recentemente pola editorial Galaxia.
Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, ao cobraren protagonismo sobre o escenario os romances infantís O piollo e a pulga e Mazarico, que converten o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta na nosa lingua. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que a xente miúda siga cantando as cancións tras finalizar a actividade.
Da man de FalaRedes 2014, Toc Toc chegará, entre marzo e abril, a 20 localidades galegas pertencentes á RDL. A primeira parada será Ourense, o sábado 1 de marzo, cuxo Auditorio Municipal acollerá a estrea, ás 18:00 horas. Como en todas as actividades de FalaRedes, a entrada será de balde ata completar a capacidade das salas.
As seguintes paradas serán, neste mesmo mes, Marín, Silleda, Ribadavia, Arteixo, Carral, Ferrol, Cuntis, Baiona, Santiago de Compostela e O Porriño. Xa en abril, o Toc Toc chegará a Burela, a Oleiros, ao Barco de Valdeorras, a Bueu, a Xinzo de Limia, a Vedra, Ponteareas, a Vilagarcía de Arousa e a Mos, completando así a súa xira en exclusividade para a RDL en 20 puntos de Galicia.
FalaRedes
O programa de dinamización lingüística chega á súa terceira edición, logo do éxito obtido nas case 400 actividades desenvolvidas no marco da RDL durante os dous primeiros anos. As 150 propostas que o integran buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.
Desde esta mesma fin de semana e ata final de ano chegará á totalidade de concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada. Conta na actualidade con preto de 160 entidades adscritas.
Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.