O certame Condado de Pallares promove a investigación en lingua galega sobre a cultura deste antigo territorio
Anxo Lorenzo participou na presentación da cuarta edición deste premio, co que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu na necesidade de fomentar o uso da lingua galega no ámbito da investigación durante a súa intervención na presentación do Premio Condado de Pallares, que este ano celebra a súa cuarta edición. Neste sentido, Anxo Lorenzo destacou que o departamento que dirixe “aposta decididamente polo desenvolvemento da investigación sobre o galego, pero tamén pola potenciación da investigación feita en lingua galega”, aspectos que fomenta este certame.
O responsable de Política Lingüística tamén salientou que “no marco deste premio se veñen desenvolvendo valiosos traballos de investigación sobre a lingua, a arte, a antropoloxía ou a etnografía dos concellos que conformaron o Condado de Pallares; proxectos que nos achegan ao contorno que nos rodea e que nos permiten afondar no coñecemento, pero, sobre todo, no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da nosa
cultura”, destacou o secretario xeral.
No acto, que tivo lugar durante esta mañá no edificio administrativo da Xunta en Lugo, tamén participaron o xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en Lugo, José Jesús Ramos; o alcalde de Taboada, Ramiro Moure; o alcalde de Guntín, Jesús Carreira; o xerente de Obra Social Caixa Galicia, Sinesio Pérez; Silvia Cereijo, en representación da Consellería de Cultura e Turismo; e o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez.
O Premio Condado de Pallares
No certame Condado de Pallares –organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferrreira de Pallares e dotado cun premio de 3.000 euros– colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación de Lugo, a Obra Social Caixa Galicia e mais os concellos lucenses de Guntín e Taboada.
Trátase dunha iniciativa que promove a realización de traballos de investigación sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos concellos de Taboada, de Guntín, de Portomarín, de Chantada e de Carballedo, territorios que no século VI se constituíron baixo a denominación de Condado de Pallares, hoxe desaparecido como tal división.