O apoio á investigación universitaria da Xunta sitúa a Galicia á cabeza das comunidades autónomas cun modelo diferenciado baseado na captación e consolidación do talento, cun investimento de máis de 147,5 millóns de euros

O incremento nominal de 3,4 millóns da achega da Consellería ao Plan de Financiamento do SUG este ano permite continuar reforzando a investigación nas universidades, que concentran xa ao 61% de todos os investigadores de Galicia

As universidades galegas teñen hoxe máis persoal docente investigador que ao comezo da crise

Mér, 19/02/2014 - 15:12
 O apoio á investigación universitaria da Xunta sitúa a Galicia á cabeza das com
O apoio á investigación universitaria da Xunta sitúa a Galicia á cabeza das comunidades autónomas cun modelo diferenciado baseado na captación e consolidación do talento, cun investimento de máis de 147,5 millóns de euros

O apoio á investigación universitaria que vén facendo a Xunta está a situar a Galicia á cabeza das Comunidades Autónomas nesta materia, cun modelo diferenciado e baseado na captación e consolidación do talento, que supón ademais no período 2011-2014 un investimento de máis de 147,5 millóns de euros por parte do Goberno galego. Así o explicou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, nunha comparecencia a petición propia na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, na que deu conta tanto do decidido apoio da Consellería á investigación como do incremento nominal de 3,4 millóns da achega da Consellería ao Plan de Financiamento do SUG este ano, que permite continuar reforzando a investigación nas universidades. Non en balde, as tres universidades concentran xa ao 61% de todos os investigadores de Galicia, e representan o 39% do gasto total en investigación da nosa comunidade, “polo que estamos a falar dos tres maiores axentes do sistema galego de innovación”.

Ademais, o secretario xeral sinalou que ao final do curso 2011/2012 as universidades galegas tiñan máis persoal docente investigador (PDI)que ao final do curso 08/09: segundo o Sistema Integrado de información Universitaria (SIIU), a cifra pasou dos 5.213 do 08/09 aos 5.258 do11/12. ademais, durante o ano 2013, para atender necesidades docentes urxentes, a Xunta autorizou ás universidades a convocatoria de 271 prazas de profesorado.

Plan I2C

Segundo explicou o secretario xeral, Galicia conta cun modelo organizativo dual para a xestión da política científica e tecnolóxica, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Axencia de Innovación – dependente da Consellería de Economía e Industria-, sustentado en actuacións dirixidas ao talento, á consolidación de grupos e ao desenvolvemento dun sistema integral de apoio á investigación universitaria.

Ao abeiro destas liñas de actuación do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C), salientou que máis de 500 persoas están contratadas de xeito directo nas universidades galegas grazas aos fondos de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ademais dos 90 investigadores mozos que reciben financiamento directo para os seus proxectos de investigación e da estabilización de investigadores como funcionarios no SUG. “Nunca se teñen estabilizado tantos investigadores nas universidades no SUG como neste período, un total de 76 desde o ano 2011. E iso contando coas especiais circunstancias dos momentos nos que estamos a vivir”, destacou. Tamén desde este Plan, Cultura e Educación está a dar un financiamento continuado e suficiente aos 250 mellores grupos de investigación do SUG, tanto de referencia competitiva como de potencial crecemento.

Xestión do talento e Plan INCITE

Así mesmo, o secretario xeral fixo fincapé no esforzo que está a facer a Xunta de Galicia para manter no noso sistema universitario aos 5 investigadores que teñen captado as prestixiosas axudas Starting Grant – que os acreditan como persoal investigador de excelencia e da maior proxección internacional, e dos cales 1 vén de recibir unha Consolidated Grant-, así como ao liderado dun proxecto CONSOLIDER dun grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. “No 2014 a Consellería vai materializar esta liña de retención de talento, por unha banda, pagando, por durante cinco anos, o contrato de aquel investigador con Starting Grant que as universidades incorporen como funcionarios e, por outra, achegando unha axuda de 50.000 euros por ano para que cada un destes investigadores executen os seus traballos científicos”. 

A Xunta de Galicia mantén ademais os compromisos do anterior modelo, o do Plan Incite, cuxa convivencia co novo modelo de Consolidación de Grupos do Plan I2C, significou que no período 2011-2013 foran concedidas 215 axudas de consolidación, unha convocatoria que no 2014 – xa no marco do I2C- concederá aproximadamente unhas 125 novas axudas.

A maiores, a Consellería está a apoiar os centros de investigación universitaria, a través dun convenio de colaboración coas tres universidades para fortalecer as capacidades estratéxicas e de proxección dos Centros de Investigación Singulares xa existentes, en concreto de AtlanTIC, CINBIO, CIA, ECIMAT –Universidade de Vigo-; CIQUS, CITIUS e CIMUS –Universidade de Santiago-; e CITIC - Universidade da Coruña-. 

Un modelo en crecemento

“Ningunha comunidade autónoma conseguiu manter este nivel de financiamento durante estes últimos anos de restrición do gasto público”, salientou o secretario xeral, facendo fincapé en que, mentres noutras comunidades autónomas hai unha diminución das convocatorias e do número de prazas para a formación de investigadores, “a racionalidade do modelo galego está a permitir incrementar os números das persoas que se integran como investigadores nas universidades, así como o financiamento de grupos e o desenvolvemento de grandes estruturas de investigación”.

Cómpre sinalar que máis de 50 avaliadores de alto nivel de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, todos eles participantes nos procesos de selección de investigadores no conxunto do Estado, adoitan sorprenderse do volume e calidade das axudas que convoca a Xunta de Galicia.

Plan de financiamento

Confirmada xa a contía total incrementada do Plan de Financiamento para este exercicio 2014, que ascende a 373,9 millóns de euros, o secretario xeral de Universidades lembrou o decidido apoio da Xunta de Galicia ao ensino universitario, “que crece para este exercicio nun 0,9% fronte ao descenso do 1,1% do gasto non financeiro da Administración autonómica”.

Neste sentido indicou que este orzamento permitirá manter as accións que se imputan ao programa 561B de investigación  universitaria; e recordou a importancia do cambio de modelo do actual plan no que atinxe a incrementar de forma progresiva as contías vinculadas ao financiamento en base a resultados, criterios estruturais e mellora da calidade, de tal forma que no 2014, uns 137,6 millóns - que equivalen ao 36,8% do total do Plan- distribuiranse entre as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo en base a estes criterios, a maiores da subvención fixa que lles corresponda.

“As tres universidades galegas contan cunha posición diferenciada respecto ás súas homólogas do resto do Estado - sinalou-, precisamente grazas a ter garantido un modelo de financiamento claro e plurianual, así como por verse favorecidas polo incremento das partidas destinadas especificamente a investigación universitaria. Contar cun Plan de Financiamento ata finais de 2015 vén posibilitando ás universidades unha marxe de actuación sen sobresaltos”.