A Consellería de Cultura e Educación e as Cámaras de Comercio colaboran na mellora da calidade da Formación Profesional para dar resposta á realidade socioeconómica de Galicia

O conselleiro e os presidentes destas entidades asinaron hoxe un convenio ao abeiro do que se comprometen a unir forzas para o avance da implantación da FP dual, a difusión da FP como un sistema de formación ao longo da vida e para o impulso do Plan Eduemprende

Mar, 18/02/2014 - 11:21
O conselleiro e os presidentes destas entidades asinaron hoxe un convenio ao abe
O conselleiro e os presidentes destas entidades asinaron hoxe un convenio ao abeiro do que se comprometen a unir forzas para o avance da implantación da FP dual, a difusión da FP como un sistema de formación ao longo da vida e para o impulso do Plan Eduemprende

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as Cámaras de Comercio da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa; formalizaron hoxe a súa colaboración para a mellora da calidade da Formación Profesional, en especial para acadar que estas ensinanzas se axusten o máximo posible ás necesidades da realidade socioeconómica de Galicia, consolidándose como un sistema de oportunidades e unha clara vía para a recualificación profesional ao longo da vida e para a inserción laboral. A colaboración formalizouse esta mañá a través da sinatura dun convenio entre o conselleiro, Xesús Vázquez Abad; e mais os presidentes das devanditas cámaras. Así estiveron Marcelo Castro- Rial Schuler pola Cámara da Coruña; Luis Abelleira  Mayor, pola de Lugo; Celso Manuel Barbosa Rodríguez, pola de Ourense; Eduardo Barros Pereira; por Pontevedra; Jesús Asorey Carril, de Santiago de Compostela; Gumersindo Alonso gestoso, de Tui; José García Costas, de Vigo e Miguel Falcón Noya pola de Vilagarcía de Arousa.

O acordo centra as actuacións sobre tres eidos fundamentais: a implantación de xeito progresivo programas de formación FP dual en Galicia, a FP como sistema de formación ao longo da vida e o impulso do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende. Todo isto, co obxectivo último de favorecer a empregabilidade dos titulados destas ensinanzas, tanto dos máis novos como dos que acceden a elas para mellorar a súa cualificación ou obter un recoñecemento oficial das competencias adquiridas a través da experiencia laboral.

FP dual

No que atinxe á implantación da FP Dual, as Cámaras de Comercio comprométense a propoñer á Consellería aqueles sectores que sexan máis axeitos na nosa Comunidade para a posta en marcha de proxectos nesta modalidade, así como a divulgar entre os empresarios e cidadáns as vantaxes da FP Dual. Así mesmo, poderán prestarlles asesoramento e formación ás empresas ao respecto, traballando da man do departamento educativo da Xunta para favorecer a implicación das mesmas, do profesorado e dos centros educativos no avance da implantación desta modalidade de formación profesional en Galicia.

Formación ao longo da vida

Conscientes da importancia da formación profesional para a formación das persoas ao longo da vida, especialmente no réxime para adultos – tanto na modalidade presencial como a distancia- a Consellería e as Cámaras de Comercio estreitan vínculos para transmitir á sociedade a importancia da mellora da cualificación do capital humano e para o incremento da inserción laboral das persoas. Así, as Cámaras de Comercio comprométense a identificar novos perfís profesionais e necesidades de cualificación que requiran proposta de actualización no Catálogo Nacional de Cualificacións, ao que se axustan todos os currículos de FP adaptados pola actual Consellería. Pola súa banda a Consellería traballará para ofrecer unha formación profesional que contribúa cada vez máis á incorporación ao mercado de traballo, adaptándose con axilidade ás necesidades do tecido socioprodutivo.

Emprendemento

No que atinxe ao fomento do emprendemento no sistema educativo, outro dos eixos fundamentais nos que traballa a Consellería para favorecer a inserción laboral, promoveranse actuacións de coordinación e aproveitamento das iniciativas existentes que fomenten o espírito emprendedor desde o ámbito educativo e propicien no alumnado a posta en marcha de proxectos empresariais e a creación de emprego.