A Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Alcoa colaboran no fomento da educación medioambiental entre o alumnado lucense

O programa ‘Naturacción’ chegará a máis de 4.000 alumnas e alumnos de 29 centros educativos do norte e centro de Lugo

Lun, 17/02/2014 - 12:00
A Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre
A Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Alcoa colaboran no fomento da educación medioambiental entre o alumnado lucense

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Alcoa presentaron hoxe o programa ‘Naturacción’, a través do que este curso van colaborar na promoción da educación medioambiental entre máis de 4.000 alumnas e alumnos de 29 centros do norte e centro da provincia de Lugo, facendo fincapé nas especificidades ambientais da zona da Mariña lucense e a súa contorna. ‘Naturacción’ é un subprograma de ‘Voz Natura’ patrocinado pola Fundación Alcoa co respaldo de Alcoa San Cibrao.

O proxecto implicará a 291 profesoras e profesores que están a desenvolver diversos proxectos de actuación medioambiental entre os que destacan accións directas sobre o medio como limpezas de praias e actuacións sobre os ríos –tema no que se centran este curso ‘Voz Natura’ e ‘Naturacción’–, así como plantacións e reforestacións. Desta forma ponse en valor o traballo dos docentes na concienciación dos máis novos nunha materia de tanta importancia. De feito, a Consellería recoñece desde o curso 2009/2010 a coordinación de proxectos Voz Natura como unha actividade de innovación educativa; e os cursos de blogs que organiza están homologados polo departamento educativo da Xunta de Galicia.

Na presentación do programa participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o director da Fundación, Francisco Sánchez; e o director de Alcoa Primario e de Alcoa San Cibrao, Rubén Bartolomé. Así mesmo estiveron presentes a delegada da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Burela, José González Barcia;o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación, Innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila; a coordinadora de Voz Natura, Nazareth Díaz; o portavoz do Comité Científico Voz Natura, José Antonio Díaz E Alejandro Diaz Sueiro, membro do mesmo comité; o xefe territorial da Consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo; e o director do IES Monte Castelo, Marcelino Luna; así como o delegado da Voz de Galicia na Mariña, Miguel Sande; e representantes dos centros educativos participantes en ‘Naturacción’.

Durante a súa intervención o conselleiro quixo agradecer a implicación do profesorado na formación do alumnado, “non só académica, senón como cidadáns cunha conduta respectuosa coa sociedade e co mundo no que viven”. Neste sentido explicou que ‘Naturacción’ cumpre cun dos obxectivos da Consellería de Cultura e Educación, no relativo a promover e participar “nas diferentes actuacións que se desenvolven en materia educativa e que levan os valores que transmitimos aos máis novos máis aló do contido das materias do currículo escolar”.  Vázquez Abad agradeceu ademais o compromiso da Fundación Santiago Rey Fernández- Latorre co ensino, “que demostran ano a ano a través do programa ‘Voz Natura’, que só no curso 13/14 ten chegado a máis de 53.550 estudantes e 3.050 profesoras e profesores; e que ten formado parte de importantes campañas en colaboración coas Nacións Unidas”. Así mesmo salientou o labor en materia educativa da Fundación Alcoa, “coa que hai unhas semanas presentamos o proxecto ‘A Mariña Emprende’, para o impulso do emprendemento en centros educativos”.

O medio ambiente é unha das áreas de traballo prioritarias de Fundación Alcoa e, como piar fundamental, respalda proxectos educativos que contribúan a fomentar o coñecemento e respecto do medio ambiente, incluído no cuidado da biodiversidade e a reforestación. Exemplo diso é a recuperación do bosque atlántico no monte Escarabelada de Cervo que se está levando a cabo na actualidade, entre outras iniciativas na Mariña de Lugo promovidas por Alcoa San Ciprián.

Fundación Alcoa, que se sustenta dos seus propios activos financieiros e non dos da compañía, respalda proxectos de institucións e organizacións para melloras as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e de respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.

Actuacións

No marco deste programa organizaranse visitas personalizadas e gratuítas a entidades como museos ou acuarios, así como a actividade ‘Reporteiros ambientais’ utilizando cámaras de vídeo ou móbiles. Ademais, cada centro executará o seu proxecto medioambiental, supervisado polo Comité científico de Voz Natura – integrado por destacadas personalidades do mundo da ciencia e o ensino-; no que se incluirán diferentes accións como exposicións, visitas educativas, limpeza de praias ou recuperación de zonas degradadas, entre outras. Así mesmo haberá cursos de blogs para profesores e o concurso ‘Mellor blog medioambiental’, co fin de difundir o compromiso co entorno natural galego, no marco da comunidade blogueira do programa. O broche final do proxecto será a festa anual de Voz Natura, na que cada primavera se reúnen miles de alumnas e alumnos, docentes e familias, e no que se expoñen os traballos realizados polos centros participantes e se entregan os premios ás iniciativas máis destacadas.