A Rede de Dinamización Lingüística conmemorará o Día Internacional da Lingua Materna 2014 na cidade de Ourense

A Consellería de Cultura e Educación, desde a que se coordina a Rede de Dinamización Lingüística, colaborará co Concello de Ourense para levar o espectáculo infantil-familiar ‘Ñam’ ao auditorio municipal o venres 21 de febreiro en sesión de tarde

A entrada será de balde con capacidade limitada e poderase retirar do despacho de billetes do auditorio municipal a partir de mañá

Sáb, 15/02/2014 - 10:01
Día Internacional da Lingua Materna 2014
Día Internacional da Lingua Materna 2014

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, coordinada desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sumarase por segundo ano consecutivo á celebración do Día Internacional da Lingua Materna, que promove a Unesco. Farao desta volta programando na cidade de Ourense dous pases do espectáculo infantil-familiar “Ñam” (un ás 17:00 e outro ás 18:30 horas), da compañía Caramuxo Teatro. A eles que poderán asistir de balde familias novas con bebés e nenos de ata 4 anos o vindeiro venres, 21 de febreiro.

As entradas, de balde e limitadas a 100 participantes por función, poderanse retirar da billeteira do Auditorio Municipal desde mañá domingo.

A Consellería e o Concello de Ourense coorganizan esta iniciativa no marco da participación das dúas entidades na RDL, que contempla na programación de actividades para este ano a celebración da efeméride. Promover o uso do galego na familia e a súa transmisión interxeracional constitúen obxectivos prioritarios, canto á promoción social do idioma, do departamento que dirixe o conselleiro Xesús Vázquez Abad.

Día Internacional da Lingua Materna 2014

Un ano máis, a Xunta de Galicia e a RDL súmanse á celebración do Día Internacional da Lingua Materna. Unha celebración que busca lembrarnos o valor das linguas, independentemente do número de falantes que teñan, para asegurar a diversidade cultural, contribuír ao coñecemento humano e potenciar a participación de todas as persoas na construción de sociedades democráticas.

Cada 21 de febreiro, a UNESCO chama a nosa atención sobre a importancia de usarmos e transmitírmoslles ás novas xeracións as linguas autóctonas de cada lugar e, este ano, destaca o seu papel como medios de acceso ao saber e de produción de coñecemento científico.

A mensaxe do Día Internacional da Lingua Materna 2014 é que todas as linguas humanas, e por suposto o galego, teñen o mesmo potencial para seren vehículo de investigación e de divulgación científica.

Mensaxe da directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, con motivo do Día Internacional da Lingua Materna.

Menús News node R