A Consellería de Cultura e Educación traballa para solventar no menor tempo posible as incidencias causadas polo temporal nos centros educativos garantindo a seguridade do alumnado

A Consellería dará conta ao Consello da Xunta da semana próxima das obras que se van contratar polo procedemento de emerxencia para solucionar estes problemas

Xov, 06/02/2014 - 14:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a traballar para solventar no menor tempo posible as incidencias causadas polo temporal nos centros educativos galegos, garantindo a seguridade do alumnado. Así mesmo, e con esta mesma intención, a Comisión Escolar de Alertas acaba de determinar – polo fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por vento- a suspensión das actividades no exterior das instalacións dos centros educativos da provincia da Coruña e da Mariña lucense a partir das 18 horas deste venres 7 de febreiro, por mor dun fenómeno meteorolóxico adverso por rachas de máis de 100 quilómetros por hora, con nivel de alerta laranxa.

A Consellería dará conta ao Consello da Xunta da semana próxima das obras que se van contratar polo procedemento de emerxencia para solucionar estes problemas. Desde o primeiro momento no que se producen as incidencias a consellería está a avaliar os danos con persoal técnico das Xefaturas Territoriais e empresas especialistas.

Incidencias

Por provincias, as incidencias rexistradas na Coruña afectan ao IES de Afonso X O Sabio (Cambre), onde se produciron pequenos danos na cuberta, así como ao Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño (Ferrol), onde se suspenderon as clases esta tarde polo desprendemento dalgunhas chapas da cuberta.

No caso da provincia de Lugo, a empresa contratada para retirar elementos da cuberta do IES de Foz que corren perigo de desprendemento, continúa a traballar. Neste sentido a Consellería traballa coa maior celeridade para que se poida comezar canto antes a súa reparación. O alumnado xa puido retomar a actividade lectiva con normalidade, despois de que o departamento educativo da Xunta de Galicia realizase onte as tarefas precisas que garantiran a seguridade dos alumnos e do persoal. Por outra banda, no CEIP Vilar Ponte (Viveiro), produciuse entrada de auga nas aulas que conectan co patio.

Na provincia de Pontevedra a Consellería está a traballar para que se recupere no menor tempo posible a normalidade no CEIP de Viñagrande-Deiro, onde os seus 106 alumnas e alumnos non puideron asistir a clase polo levantamento de parte da cuberta, que se desprendeu hoxe uns metros máis. Así mesmo, rexistráronse desprendementos de falsos teitos e entrada de auga no CEIP A Lama, de tellas nos IES de Poio e Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa); así como o desprendemento da cuberta do CEIP Neira Vilas (Gondomar), dunha placa de revestimento do oco do ascensor exterior no CEIP Josefa Alonso (Vigo); e entrada de auga – xa solucionada- na EEI Vagalume (Vilagarcía de Arousa). Ademais, a ESAD de Vigo sufriu danos no muro cortina, tamén hai desprendementos nos remates da cuberta de fibrocemento do CEIP Fontes-Baíña (Baiona). Cómpre sinalar tamén que se produciu o derrubamento de 5 metros do muro exterior do recinto da Illa de San Simón.

No caso da provincia de Ourense, produciuse o asolagamento do salón de actos e a entrada do IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), así como a inundación do patio do IES Cidade de Antioquía, malia que a auga non chegou a entrar no edificio. Ademais, produciuse o desprendemento dunha chapa no IES de Allariz.