A Comisión Escolar de Alertas determina a suspensión das clases este martes 4 de febreiro na Mariña Lucense pola alerta vermella

Ademais, por un fenómeno de rachas de vento de nivel laranxa, suspéndense as actividades no exterior das instalacións dos centros educativos nas provincias da Coruña e Pontevedra, así como nas zonas de montaña de Lugo e Ourense

Lun, 03/02/2014 - 12:23
 A Comisión Escolar de Alertas determina a suspensión das clases este martes 4 d
A Comisión Escolar de Alertas determina a suspensión das clases este martes 4 de febreiro na Mariña Lucense pola alerta vermella

A Comisión Escolar de Alertas acaba de determinar – polo fenómeno meteorolóxico adverso de nivel vermello- a suspensión de toda actividade docente, transporte escolar, actividades no exterior e extraescolares para mañá, día 4 de febreiro, nos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición meteorolóxica da Mariña lucense.

Así mesmo, acordouse a non suspensión da actividade docente pero si a suspensión das actividades no exterior dos centros educativos situados nos concellos das provincias da Coruña e Pontevedra, así como nas zonas de montaña de Lugo e Ourense e na zona centro de Lugo, por mor do nivel de alerta laranxa, advertindo do necesario seguemento ao longo do día das condicións climáticas por se nas localidades onde se sitúe cada centro cambiase o nivel de alerta cara a vermello, no caso do que se lles autorizaría a suspender a actividade docente.

Para o día de hoxe, 3 de febreiro, acordouse a non suspensión da actividade docente nin do transporte escolar, aínda que si se recomenda o seguimento das condicións meteorolóxicas nas zonas de montaña de Lugo e de Ourense e no sur de Ourense e interior de Pontevedra, polo adverso de nevaradas de nivel amarelo.

As zonas climáticas, definidas por Meteogalicia, poden consultarse no enlace web http://www.meteogalicia.es/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf .