Cultura e Educación incorporará 107 docentes ao sistema educativo galego para o desenvolvemento dos contratos-programa, que hoxe asinaron 68 centros de Vigo e área
A Consellería investirá 4,1 millóns de euros para o desenvolvemento destas iniciativas en toda Galicia, un 28% máis que o curso pasado
Máis de 18.000 alumnas e alumnos da provincia de Pontevedra beneficiaranse desta iniciativa, case un 13% máis ca no 2012/2013
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 68 centros educativos de Pontevedra e a súa área de influencia, o que supón un incremento de 8 centros respecto do curso pasado, un 13,3% máis. Para o desenvolvemento destas actuacións en toda Galicia o investimento ascende a 4,1 millóns de euros – un 28% máis que no curso pasado-, e implicará a incorporación ao sistema de 107 docentes contratados a maiores para este fin. Para provincia de Pontevedra o orzamento será de preto de 1,9 millóns de euros, un 34% máis ca no curso anterior.
Nun acto desenvolvido na delegación da Xunta na cidade da oliveira o titular do departamento educativo autonómico agradeceu a implicación dos centros de ensino, os equipos directivos e os docentes nesta iniciativa, que ten como obxectivo a mellora da calidade en base ás particularidades de cada comunidade educativa.
Neste sentido salientou o esforzo realizado por centros como o CEIP Nosa Señora dos Remedios (Ponteareas), que desenvolve 4 das liñas da convocatoria, incluída a nova, para a mellora da xestión dos centros; ou do CPI de Cova Terreña (Baiona) e o IES Valadares (Vigo), tamén con 4 liñas de actuación no seu contrato-programa. Ademais, outros centro desenvolven ata 3 liñas, como son o os CEIP Mestre Manuel García (Oia), Mestre Ramiro Sabell Mosquera (Ponteareas), e Alfonso D. Rodríguez Castelao (Vigo).
Máis de 18.000 alumnas e alumnos da provincia (dos que arredor de 8.300 serán da cidade de Vigo e área de influencia) beneficiaranse este curso dos contratos-programa, o que supón un incremento de case un 13% nesta provincia respecto aos do curso anterior. Isto é posible grazas á implicación de 1.623 docentes da provincia, un 52,8% máis ca no 2012/2013, dos que 844 se corresponden con profesorado de Vigo e área. No caso dos docentes externos contratados de forma específica para este fin, 28 prestarán o seu apoio nos centros que hoxe asinaron os seus contratos-programa.
Liñas de actuación
Os centros hoxe asinantes desenvolverán un total de 104 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 23,8% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 63 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 52-; 24 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 21 do 12/13-; 8 para a mellora da convivencia (fronte ás 6 do ano académico anterior); 8 para favorecer a excelencia educativa –fronte ás 5 do ano anterior-; e 1 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.
A relación de centros implicados coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/11424 .
Ademais dos representantes dos centros asinantes, no acto participaron a delegado da Xunta en Vigo; María José Bravo Bosch; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.
Éxito da terceira convocatoria
A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.
Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite ademais visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.
Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.