Cultura e Educación e a Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas renovan o seu compromiso co fomento da cultura do emprendemento entre o alumnado a través do programa ‘Atrévete Ourense’, que duplica os estudantes beneficiados

Como novidade instalarase unha aula de emprendemento nas instalacións da asociación, para que o alumnado coñeza os pasos para a posta en marcha dunha empresa. Ademais, realizaranse visitas a empresas do polígono, e volverase a celebrar o concurso ‘Atrévete a ter unha idea’

‘Atrévete Ourense 2013 chegou a máis de 200 escolares de 11 centros educativos da provincia, e está previsto que este ano chegue a arredor de 400 estudantes de 2º da ESO

Ven, 31/01/2014 - 12:16
Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Indu
Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, José Elías Mera Martínez

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, José Elías Mera Martínez; asinaron esta mañá unha addenda ao protocolo de colaboración para o establecemento dun marco de actuación conxunta en favor do desenvolvemento do espírito emprendedor no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, ‘eduEmprende’. Unha addenda a través da que se incorpora unha aula de emprendemento na sede da asociación. Unha instalación que permitirá a realización de máis actividades que se engadiran as que xa se realizaron na primeira edición do programa “Atrevete Ourense”.

Deste xeito porase en marcha ‘Atrévete Ourense 2014’, que chegará ao dobre de alumnas e alumnos que no 2013, xa que a previsión é que nestas actividades participen arredor de 400 estudantes de 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de centros ourensáns. Esta iniciativa chegou o curso pasado a máis de 200 escolares de 6ª de Primaria de 11 centros educativos ourensáns.

Unha aula de emprendemento

A aula de emprendemento foi visitada hoxe polo conselleiro acompañado por representas da Xunta e da Asociación de Empresas e que xa foi empregado por 28 escolares procedentes do IES de Ribadavia.  

Todos eles tiveron a oportunidade de achegarse a diferentes aspectos da empresa a través deste espazo no que contan con ordenadores nos que se recrean todas as etapas de creación dunha empresa, desde as xestións diante da Axencia Tributaria e as Administracións Públicas ata a propia asociación con outras empresas, así como todas as relativas á relación con provedores, clientes, a posta en marcha de fábricas e puntos de venda, a contratación dos traballadores e as xestións coas entidades bancarias. Estas actividades realizaranse, ademais de hoxe, todos os venres de febreiro e marzo.  

Dentro do programa de actividades os alumnos de Ribadavia tamén mantiveron hoxe un encontro con Artur Yuste i Tarragó, da empresa Frunatur, do Grupo Cuevas, especializada na distribución de froitas e hortalizas e que conta cunha nova plataforma de tecnoloxía avanzada de frío que garante que non se altere a cadena de frío durante todo o proceso de almacenado e distribución.

Os participantes nesta edición tamén percorrerán o polígono de San Cibrao e visitarán algunha das súas empresas para poder en directo o seu funcionamento. Entre as entidades están Frunatur; Rodríguez López Auto S.L.; Coren Scdad.  Coop. Ltda.; Inplasor Galicia S.l.; Frigorificos Premar S.L.; Marron Glace S.L.; Aspol S.A.; Carrocerias Digal S.A.L.; Maquinas Especiales para la Madera Juanes S.l.; Aceites Abril S.L.; Cuevas y Cia S.A.; e Faurecia Automotive España S.A.

Achegar a empresa aos estudantes

Ante os participantes de “Atrévete Ourense” da xornada de hoxe, e tras a firma da addenda, o conselleiro destacou que “grazas o traballo desenvolvido desde a Consellería en conxunto coa Asociación de Empresarios, as rapazas e rapaces continuaran a coñecer as empresas realizando percorridos polo polígono de San Cibrao e visitando algunha das súas empresas, co fin de mostrarlles o día a día dos centros de traballo. Unha iniciativa que achega o mundo laboral aos nosos estudantes co obxectivo de darlles unha visión más próxima do mesmo”.

Vázquez Abad recordou que “a través de “Atrévete Ourense” a Consellería busca familiarizar ás alumnas e alumnos coa actividade empresarial, achegándolles os valores fundamentais da cultura emprendedora e amosándolles cales son as etapas para facer realidade un proxecto empresarial desde o nacemento da idea ata a súa posta en funcionamento”.

Concurso

Así mesmo, celebrarase un ano mais queda convocado o concurso “Atrévete a ter unha idea” que volverá a recoñecer as mellores ideas emprendedoras do alumnado participante para a posta en marcha dun negocio. Haberá tres gañadores que recibirán un e-book e os finalistas non premiados un lote de libros. As rapazas e rapaces deberán redactalas nun máximo de dous folios e envialas antes do 20 de maio de 2014 ao enderezo electrónico lucia.barandela@poligonosancibrao.com, ou ao enderezo postal rúa Ricardo Martín Esperanza, s/n. Edifico multiusos. 32901 Polígono Industrial San Cibrao das Viñas (Ourense).

Eduemprende

A través desta iniciativa a Consellería busca inculcar desde as etapas iniciais do ensino o espírito de esforzo e emprendemento entre as alumnas e alumnos, fomentando o seu interese pola posta en marcha de proxectos que contribúan ao avance da nosa sociedade.

Cómpre lembrar que nos tres anos de funcionamento do Eduemprende desenvolvéronse actividades de difusión, formación, apoio e asesoramento dirixidas a máis de 50.000 alumnas e alumnos. Asemade, máis de 2.250 profesores e profesoras participaron en xornadas de formación e na coordinación das distintas actividades.

Ademais, a Consellería ten tamén en marcha o programa ‘Atrévete Santiago’, en colaboración coa Área Empresarial do Tambre, a través do que se promove o emprendemento entre ata 2.340 alumnado de 6º de primaria e 2º de ESO da zona.