A Consellería de Cultura e Educación incorpora 24 novas unidades de competencia ao procedemento de acreditación da experiencia profesional, para o que convoca 8.230 prazas

Trátase da quinta convocatoria destas características que publica o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, co fin de facilitar o acceso a unha certificación oficial ás persoas traballadoras que non contan con formación regulada, o que favorece o seu acceso ao mercado laboral e a súa mobilidade

Nos últimos 5 anos habilitáronse un total de 30.345 prazas

Sáb, 01/02/2014 - 11:06
A Consellería de Cultura e Educación incorpora 24 novas unidades de competencia
A Consellería de Cultura e Educación incorpora 24 novas unidades de competencia ao procedemento de acreditación da experiencia profesional, para o que convoca 8.230 prazas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar 8.230 prazas para o novo proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal, que se desenvolverá nos vindeiros meses nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140122/AnuncioG0164-150114-0005_gl.html

Tratase da cuarta convocatoria consecutiva de acreditación de competencias que realiza o departamento educativo da Xunta de Galicia, e que se ten incrementado de forma considerable desde as 1.600 prazas ofertadas na primeira ocasión. En total, desde 2011, o departamento dirixido por Xesús Vázquez ten convocado un total de 30.345 prazas para este proceso de recoñecemento de competencias.

Novas competencias

Como novidade, a convocatoria deste ano incorpora 24 novas unidades de competencia, dun total de 171 nas que se poderán acreditar os participantes no proceso, correspondentes a 25 ciclos formativos de 14 familias profesionais.  Os campos profesionais novos obxecto desta convocatoria son os relacionados coas familias profesionais de Artes gráficas, Informática e comunicacións e Industrias Alimentarias, en concreto nos ciclos formativos de Preimpresión dixital, Proxectos de obra civil, Panadaría, repostaría e confeitaría e Sistemas microinformáticos e redes.

Ademais de nas tres devanditas familias, convócanse prazas en outras trece, en concreto nas de Administración e xestión, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica, Fabricación mecánica, Hostalaría e turismo, Imaxe persoal, Instalación e mantemento, Madeira, moble e cortiza, Química, Sanidade, Servizos socioculturais e á comunidade e Transporte e mantemento de vehículos.

Deste xeito dáse resposta á demanda manifesta de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade  na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias  profesionais, o que resulta de especial importancia no contexto económico e coas actuais taxas de desemprego.

Cómpre lembrar ademais que a Consellería conta cunha ampla experiencia no procedemento de acreditación. De feito, desde a súa participación no proxecto ERA (Evaluación, Recoñecemento e Acreditación) no ano 2003, vén realizando diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas  pola experiencia laboral.