O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega da XIX edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente

Xesús Vázquez Abad destacou “a importancia deste certame tanto para a difusión da actual literatura europea como para estimular a lectura entre a nosa xuventude”

Antes deste acto, o conselleiro reuniuse co presidente do Consello Escolar de Estado, Francisco López Rupérez, para comunicarlle que os Premio Arcebispo Juan de San Clemente será a iniciativa que representará a Galicia na vindeira conferencia estatal ‘As escolas de éxito. Características e experiencias’

Lun, 27/01/2014 - 19:45
(de esquerda a dereita na foto de grupo) a subdirectora xeral de Inspección, Ava
De esquerda a dereita a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carmen Cimadevila; o conselleiro de Cultura, Educación e OU, Xesús Vázquez Abad; o presidente do Consello Escolar de Estado, Francisco López Rupérez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o presidente do Consello Escolar de Galicia, Fernando del Pozo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no IES Rosalía de Castro na entrega da XIX edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente, o que cualificou como “un premio único no seu xénero que ten especial importancia tanto para a difusión da actual literatura europea como para estimular a lectura entre a nosa xuventude”.

Vázquez Abad explicou que cada ano, e dende fai case dúas décadas, “escritores en galego, castelán e algunha lingua estranxeira, achéganse a Compostela para recibir a homenaxe dos seus lectores máis libres, esixentes e sinceros, coma son as alumnas e alumnos dos centros que integran o xurado”. Segundo o conselleiro, iniciativas como a que emana deste galardón “fan posible que o atractivo universo creativo dos libros siga adiante e se consolide como un dos piares da formación educativa do noso país”

Asemade, o titular de Cultura e Educación afirmou que “grazas a citas como esta, na que cada ano nos convoca este Premio San Clemente, é posible, desde a realidade da nosa cultura, achegarnos á cultura doutras realidades para fomentar a imaxinación e a intelixencia”. Ao acto asistiron ademais o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Prestixioso certame

O Premio de narrativa Arcebispo Juan de San Clemente ten o obxectivo de converter aos alumnos en protagonistas á hora de outorgar un galardón literario. Deste xeito, o xurado deste premio está formado por 30 estudantes de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro de Santiago, organizador do certame, e de catro institutos máis, elixidos por sorteo, un de cada provincia galega. Nesta ocasión, os outros catro centros participantes foron A Pobra do Caramiñal, San Paio de Tui, Manuel Chamoso do Carballiño e As Mercedes de Lugo.

O galardón, que ten tres modalidades, Novela Galega, Novela Castelá e Novela Estranxeira e está dotado con 9.000 euros. Nesta XIX edición, o premio na modalidade Novela Galega recaeu en Pedro Feijoo, pola súa obra ‘Os fillos do mar’; a de Novela Castelá en Arturo Pérez-Reverte, por ‘El tango de la vieja guardia’; e a de Novela Extranxeira en Petros Márkaris, por ‘Liquidación final’.

XXII Consello Escolar Autonómico e do Estado

Antes da celebración do certame, o conselleiro de Cultura e Educación reuniuse co presidente do Consello Escolar de Estado, Francisco López Rupérez, e co presidente do Consello Escolar de Galicia, Fernando del Pozo. Durante este encontro falaron do XXII Encontro de Consellos Escolares Autonómicos e do Estado que se celebrará en Asturias o 8, 9 e 10 de maio.  ‘As escolas de éxito. Características e experiencias’ será o tema sobre o que versará a conferencia. Na reunión tamén estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carmen Cimadevila.

Este encontro reunirá a diferentes sectores da comunidade educativa representados nos 17 Consellos Escolares Autonómicos e o do Estado para analizar e expoñer as experiencias máis destacadas nos centros educativos de todo o país. De cara a esta evento, Vázquez Abad comunicoulle a López Rupérez que Galicia presentará a este Consello a iniciativa dos Premios Arcebispo Juan de San Clemente, que dende hai dezanove anos vén organizando o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.