Cultura e Educación asina contratos-programa con 76 centros de Pontevedra e a súa área, unha actuación na que a Consellería investirá un total de 4,1 millóns
Con este investimento incorporaranse, ademais, un total de 107 docentes ao sistema educativo galego contratados de forma específica para o desenvolvemento desta iniciativa, un 64,6% máis que o profesorado externo da convocatoria anterior
Máis de 18.000 alumnas e alumnos da provincia beneficiaranse desta iniciativa, case un 13% máis ca no 2012/2013
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 76 centros educativos de Pontevedra e a súa área de influencia, o que supón un incremento de 7 centros respecto do curso pasado, un 10,1% máis. Para o desenvolvemento destas actuacións en toda Galicia o investimento ascende a 4,1 millóns de euros – un 28% máis que no curso pasado-, e implicará a incorporación ao sistema de 107 docentes contratados a maiores para este fin. Para provincia de Pontevedra o orzamento será de preto de 1,9 millóns de euros, un 34% máis ca no curso anterior.
Nun acto desenvolvido na delegación da Xunta na cidade do Lérez o titular do departamento educativo autonómico agradeceu a implicación dos centros de ensino, os equipos directivos e os docentes nesta iniciativa, que ten como obxectivo a mellora da calidade en base ás particularidades de cada comunidade educativa.
Neste sentido salientou o esforzo realizado por centros como o IES A Xunqueira I, que desenvolve 5 das liñas da convocatoria, incluída a nova, para a mellora da xestión dos centros; ou do CPI do Progreso (Catoira), con 4 liñas de actuación no seu contrato-programa. Ademais, outros centro desenvolven ata 3 liñas, como son o CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu), os CEIP Isidora Riestra (Poio), Príncipe Felipe (Pontevedra), o CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis), e os IES Johan Carballeira (Bueu), de Poio, de Ponte Caldelas e o IES Luís Seoane (Pontevedra).
Máis de 18.000 alumnas e alumnos da provincia (dos que arredor de 9.700 serán da cidade de Pontevedra e área de influencia) beneficiaranse este curso dos contratos-programa, o que supón un incremento de case un 13% nesta provincia respecto aos do curso anterior. Isto é posible grazas á implicación de 1.623 docentes da provincia, un 52,8% máis ca no 2012/2013, dos que 779 se corresponden con profesorado de Pontevedra e área. No caso dos docentes externos contratados de forma específica para este fin, 27 prestarán o seu apoio nos centros que hoxe asinaron os seus contratos-programa.
Liñas de actuación
Os centros hoxe asinantes desenvolverán un total de 122 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 24,5% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 71 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 65-; 27 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 21 do 12/13-; 10 para a mellora da convivencia (fronte ás 6 do ano académico anterior); 1 para a redución do abandono, igual número ca no curso pasado; 10 para favorecer a excelencia educativa –o dobre que o ano anterior-; e 3 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.
A relación de centros implicados coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/11424 .
Ademais dos representantes dos centros asinantes, no acto participaron a secretaria territorial da Xunta de Galicia na provincia; Ana Ortiz Álvarez; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; a subdirectora xeral de Inspección, avaliación e calidade do sistema educativo, Carmen Cimadevila; e o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.
Éxito da terceira convocatoria
A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.
Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite ademais visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.
Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.