Cultura e Educación participa na celebración do 40ª aniversario do Campus de Ourense

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro lembrou que “as prioridades da consellería en investimentos para 2014 e 2015 estarán nos campus de Ourense e Lugo”

Mér, 22/01/2014 - 19:14
 Cultura e Educación participa na celebración do 40ª aniversario do Campus de Ou
Cultura e Educación participa na celebración do 40ª aniversario do Campus de Ourense

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria uniuse á conmemoración dos corenta anos de historia do campus ourensán coa participación do secretario xeral de Universidades no acto celebrado hoxe no Salón Marie Curie do Edificio Politécnico. José Alberto Díez de Castro lembrou que, ao abeiro do ditado no artigo 7 da Lei do Sistema Universitario de Galicia, relativo ao establecemento das accións e medidas necesarias para contribuír ao equilibrio entre campus, que “a discriminación positiva establece que as prioridades da consellería en investimentos durante 2014 e 2015 estarán nos campus de Ourense e Lugo para, deste modo, potenciar os resultados da investigación nestes.”

O secretario xeral de Universidades, que participou no acto en representación do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, destacou a importancia dos campus universitarios non centrais para o equilibrio territorial, pois “favorecen o acceso á educación superior universitaria da poboación galega residente nas cidades de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, e contribúen de xeito inequívoco á igualdade de oportunidades e a elevar o nivel formativo na totalidade da nosa xeografía.”

Consonte co anterior, Díez de Castro subliñou as repercusións económicas positivas “da actividade docente, investigadora e de transferencia de coñecemento” durante estas catro décadas de actividade universitaria na cidade das Burgas, nas que a implicación e apoio das institucións públicas locais para o seu desenvolvemento foron, ao ver do representante da Xunta, “excepcionais.”

O secretario xeral lembrou na súa intervención algunhas das medidas levadas a cabo desde 2009 en prol dos campus periféricos na nosa comunidade, relativas á inclusión de indicadores no financiamento por resultados, onde o reparto de tres millóns de euros se realiza pola mellora académica e científica do profesorado dos campus periféricos, ou a bonificación con cinco puntos asociada á pertenza dos investigadores principais dos proxectos ou grupos aos campus non centrais.