O conselleiro de Educación asiste ao acto de fin de curso do colexio Valle Inclán, de Ourense

Xesús Vázquez Abad asistiu ao acto de entrega de diplomas ás alumnas e alumnos que rematan os ciclos de grao medio de Xestión Administrativa e de Comercio

Xov, 24/06/2010 - 21:02

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu ao acto de fin de curso do colexio ‘Valle Inclán’, en Ourense; un evento no que se celebrou a graduación dos estudantes do ciclo de grao medio de xestión Administrativa e de Comercio.

O centro caracterízase por premiar o esforzo das súas alumnas e alumnos, e por preocuparse pola súa formación, buscándolles prácticas coas que desenvolver os seus coñecementos teóricos. Todo isto apoiado pola infraestrutura tecnolóxica do centro, e pola gratuidade dos libros de texto da que gozan.

Valores fundamentais

Durante a súa intervención Vázquez Abad recordou que para a actual Consellería de Educación “a F.P. é un dos piares fundamentais en toda sociedade moderna, así como un instrumento clave para o avance dunha nova economía desenvolvida e diversificada como a nosa”. O conselleiro recordou o importante labor que desenvolven os profesores ao dicir que “desexo reivindicar o labor dos profesores e mestres. O seu quefacer merece non só o noso respecto, senón tamén a nosa admiración”.

Aos novos titulados Vázquez Abad desexoulles “que este curso sirva para que os resultados de aprendizaxe conseguidos vos fagan máis fortes, más seguros de vós mesmo, máis cultos, plenos de convicción e de valores, e prepárenvos para proseguir coa vosa formación e para comezar a andaina no mundo laboral”.

Durante todo o evento Xesús Vázquez Abad estivo acompañado polo director do centro ourensán, Antonio Dieter Moure Areán; o delegado territorial da Xunta en Ourense Rogelio Martínez; a xefa territorial e o inspector xefe na provincia, Marisol Diaz Mouteira e José Fisteos Suengas, respectivamente.