Xesús Vázquez Abad comproba o estado das instalacións do IES Lamas de Abade afectadas polos temporais das últimas semanas

O conselleiro de Cultura e Educación comprometeuse a realizar unha achega económica para arranxar ditas deficiencias

Ademais comprobou o resultado das obras de mellora realizadas nos últimos meses relativas á fontanería

Ven, 17/01/2014 - 14:05
Xesús Vázquez Abad comproba o estado das instalacións do IES Lamas de Abade afec
Xesús Vázquez Abad comproba o estado das instalacións do IES Lamas de Abade afectadas polos temporais das últimas semanas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela), onde comprobou o estado das instalacións afectadas polos temporais das últimas semanas.

Asemade xunto ao director xeral de Centros e Recurso Humanos, José Manuel Pinal, e o xefe territorial de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, comprobaron o resultado das obras de mellora relativas á fontanería do centro, realizadas tras a visita do pasado mes de outubro no que o conselleiro adquiriu o compromiso de achegar o orzamento preciso para realizar ditas intervencións. Durante o percorrido estiveron acompañados pola directora do IES, María Dolores Picón García.

As obras

Durante a visita o conselleiro foi informado das deficiencias de algunhas zonas do IES provocadas polos temporais que estas últimas semanas afectaron a Galicia e cuxas consecuencias se poden observar nos teitos de espazos comúns do centro, e que Vázquez Abad comprometeuse a reparar a través dunha achega económica, dando conta da axilidade da administración para responder as necesidades dos centros a pesares da grave situación económica.

Cómpre recordar que a Consellería xa leva investidos máis de 242.000 euros nos últimos cursos deste instituto. Así xunto a mellora no sistema de fontanería súmanse ás melloras nos talleres e aulas dos ciclos formativos, á renovación da cuberta e a reparación da instalación eléctrica e mais a do grupo electróxeno do instituto. Ademais,  o conselleiro lembrou que o centro participa no proxecto Abalar desde o seu primeiro ano de funcionamento, polo que conta con 4 aulas, dotadas con 84 ordenadores ultraportátiles; e con 5 seccións bilingües en todos os cursos da ESO, nas materias de Educación plástica e visual, Ciencias da natureza e Física e química.