A Consellería de Cultura e Educación favorece a aprendizaxe musical entre o alumnado con necesidades educativas especiais
Marcos Estévez, da Fundación Igual Arte, presenta ‘De nota’, un proxecto con propostas pedagóxicas para rapaces con capacidades diferentes, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Cultura
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorece a aprendizaxe musical entre alumnado con necesidades educativas especiais a través da iniciativa ‘De nota’. Este proxecto, promovido pola Fundación Igual Arte co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, consta, por unha banda, dun libro que afonda na metodoloxía musical para rapaces e rapazas con capacidades diferentes, e, por outra, cun blog que, ademais de completar a información da obra, pretende ser un espazo de encontro entre profesionais e persoas interesadas na educación musical.
A publicación foi presentada esta tarde no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o apoio da Xunta de Galicia a un proxecto que “pon en valor a cultura como elemento de desenvolvemento persoal e de integración social”. Así mesmo, fixo fincapé no interese de fornecer “novas propostas pedagóxicas que contribúan a desenvolver o talento musical do alumnado con necesidades educativas especiais”.
Propostas pedagóxicas para traballar a música
Para isto, o libro ofrece un conxunto de experiencias sobre a base de dous obxectivos fundamentais: por un lado, a música como elemento de ocio e de interrelación de grupos e, por outro, como asentamento de principios na educación musical. A obra afonda nunha reflexión sobre as problemáticas concretas dos alumnos e alumnas, ao tempo que inclúe propostas metodolóxicas e estratexias adecuadas ás distintas características dos destinatarios.
Tamén participaron no acto o autor do libro e director do centro ocupacional artístico de Igual Arte, Marcos Estévez; a presidenta da fundación, Cristina Lago; e as nais Ana Sala e Iolanda Veloso. A parte musical correu a cargo de alumnado do centro ocupacional, que interpretou dúas pezas. O blog do proxecto ‘De nota’ está accesible en www.denotablog.com