A Consellería de Educación desminte á CIG e afirma que a educación para adultos é unha prioridade para este Goberno
Educación só deixará de dar estas ensinanzas en 9 centros, debido á falta de alumnado
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nega que vaia deixar de impartir ensinanzas de educación para adultos en 50 centros, tal e como difundiu a CIG, nun claro intento de desinformar e intoxicar á sociedade. Ademais, Educación recorda que atende e vai seguir atendendo a todos os interesados en cursar ensinanzas destinadas a estas persoas.
O departamento de Educación da Xunta de Galicia lembra que a formación para adultos é unha das súas prioridades. Diante da notificación da CIG, a Consellería quere deixar claro que estas ensinanzas deixarán de impartirse en 9 centros educativos, e non en 50, como se está a difundir. Doutra banda, en algo máis de 40 centros non se impartirá o vindeiro curso algún dos niveis da educación para persoas adultas, xa que a demanda do alumnado non o xustifica. De feito, nestes casos a demanda destas ensinanzas está entre 1 e 6 estudantes.
Nova oferta
Deste modo, a Consellería está a desenvolver unha reordenación destas ensinanzas, co fin de facer un uso eficiente dos recursos existentes e poder así ampliar a oferta con novas modalidades, como os estudos de bacharelato para adultos en réxime semipresencial, que se incorporan este curso en nove centros educativos; ou a incorporación tamén en modalidade semipresencial dos estudos de educación secundaria para adultos en outros dous institutos de educación secundaria.
Así mesmo, a Consellería incorpora para o vindeiro curso o bacharelato de humanidades e ciencias sociais – en modalidade presencial- no IES Isidro Parga Pondal, de Carballo; ademais de dúas modalidades de bacharelato e a educación secundaria para persoas adultas no Centro público de educación e promoción de adultos de A Lama; e das dúas modalidades de bacharelato para adultos no IES Martaguisela, do Barco de Valdeorras.
Por outra banda, a Consellería de Educación vai introducir estes estudos en centros que non dispoñían deles, como é o caso do IES Camilo José Cela, de Padrón, onde se vai implantar a educación secundaria para persoas adultas en modalidade presencial.
Na relación de ensinanzas para as persoas adultas do vindeiro curso académico a Xunta de Galicia mantén unha oferta suficiente para que todos os demandantes poidan realizar estes estudos nos centros da súa contorna. Ao mesmo tempo, soluciónase unha situación na que existían grupos de ensinanzas iniciais do ensino básico –fundamentalmente nos niveis I e II- nos que a demanda das alumnas e alumnos non xustifica a súa impartición.
Con esta reordenación, a Consellería consigue unha nova oferta máis completa e equilibrada, coa que sigue ademais a apostar pola formación permanente das persoas adultas ao longo da súa vida. Doutra banda, dáse impulso á formación semipresencial, que permite aos traballadores compatibilizar os horarios laborais cunha mellor preparación académica.