O Conselleiro de Cultura e Educación coñece os proxectos do viveiro de empresa do CIFP Portovello, en Ourense
Ademais inaugurou hoxe o viveiro do CIFP A Farixa, un dos 7 que se crearán este curso, co que a rede estará presente nun total de 16 centros educativos
Trátase dunha aposta polo emprendedurismo entre os titulados da FP, bacharelato e ensinanzas artisticas e deportivas de Galicia, favorecendo a súa inserción laboral que contan cun espazo totalmente equipado e de balde durante dous anos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Portovello, onde tivo a oportunidade de coñecer os proxectos que se están a desenvolver no viveiro de empresa deste centro integrado de FP, que conta con 983 alumnas e alumnos.
Previamente Vázquez Abad inaugurou esta mañá o viveiro de empresa do CIFP A Farixa, un dos 7 que a Consellería creará este curso, co que a rede terá presenza en 16 centros educativos. A adaptación deste espazo supuxo un investimento de máis de 32.000 euros na reconversión das aulas cunha reforma total na instalación e nas conexións.
Iniciativas emprendedoras
En ambos centros o conselleiro comprobou a situación dos viveiros creados para dar novas oportunidades aos titulados galegos. Unha oportunidade que poderán aproveitar tanto os estudantes de Formación Profesional, Bacharelato, Ensinanzas artísticas e deportivas como aqueles que remataran nos últimos catro anos e que terán a posibilidade de contar cun espazo completamente equipado e de balde durante dous anos.
Unha iniciativa que tal e como salientou o conselleiro é unha nova demostración da aposta do seu departamento polo emprendedurismo e a prol da inserción laboral do alumnado.
CIFP Portovello
No CIFP Portovello o conselleiro comprobou o resultado desta iniciativa na que nestes momentos, 5 viveiristas están a traballar en 2 proxectos, relacionados coa investigación comercial e o desenvolvemento de técnicas de marketing actuais, e co merchandasing motivacional. Ademais Vázquez Abad conversou cos viveiristas que nos últimos meses sacaron adiante 2 empresas fóra do centro educativo, relacionadas co servizo de axenda e o deseño de interiores.
Xesús Vázquez comprobou a mellora significativa que supuxo para o centro a súa conversión en CIFP no ano 2011, non en balde hoxe o Portovello conta con 590 prazas en primeiro curso, o dobre das que ofertaba no curso 2008/2009, e oferta un 40% máis de ciclos formativos que hai 5 cursos. A conversión do Portovello en centro integrado permitiu ademais no curso 2011/2012 a implantación da FP a distancia na provincia de Ourense.
Así mesmo lembrou o esforzo feito polo seu departamento para dar resposta ao crecemento deste centro, cun investimento de máis de 65.000 euros nos últimos anos para a mellora das súas instalacións, coa que se realizaron actuacións para a reparación de aulas e baños, substitución de cristais e modificación de espazos.
CIFP A Farixa
Durante a apertura do viveiro de empresa do CIFP A Farixa, o conselleiro salientou a aposta do seu departamento polo emprendedurismo entre os titulados da FP galega en prol da súa inserción laboral. Ademais, os viveiros están tamén abertos a todos os titulados e alumnado de ensinanzas postobrigatorias.
Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro lembrou o importante incremento de viveiros de empresas en centros educativos, ata a situación actual, cunha rede que ao longo deste curso quedará configurada por 16 viveiros, dos que 7 serán de nova creación neste 2013/2014, en concreto neste propio CIFP, e nos da Carballeira (Ourense), A Xunqueira (Pontevedra), Ferrolterra (Ferrol) e no CIFP As Mercedes (Lugo), así como nos IES de Fene e Ricardo Mella de Vigo.
A Consellería, a través do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘Eduemprende’, asesorará a todos os interesados en poñer en marcha a súa propia idea de empresa a través de viveiro, para o que poderán contar tamén co testemuño e experiencia de outros emprendedores que xa sacaron adiante os seus proxectos.
Xesús Vázquez Abad gabou o traballo do equipo de dirección e dos docentes deste centro no que estudan 419 alumnas e alumnos, o primeiro CIFP de Ourense, unha provincia na que xa hai tres centros integrados: ademais da Farixa, o Portovello e A Carballeira-Marcos Valcárcel. Neste sentido salientou ademais o importante papel dos centros integrados no incremento da matriculación nas ensinanzas de FP nos últimos 5 cursos, que ten medrado nun 48,4%, respecto do curso 2008/2009. De feito, dos 16.818 estudantes máis que hai este curso na FP galega respecto dos que había no 08/09, 10.203 están matriculados na rede de CIFP.
Nas visitas o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia estivo acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; pola subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez; pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; e mais polos directores do Portovello, Abel Ocampo, e da Farixa, José Miguel Reza.
Rede de viveiros de empresa
Ao remate deste curso 2013/2014 a rede de viveiros de empresas en centros educativos quedará conformada por 16 viveiros: os devanditos 7 novos e os 9 xa existentes no CIFP Ánxel Casal (A Coruña), CIFP Politécnico de Santiago, CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), CIFP Politécnico de Lugo , CIFP Porta da Auga (Ribadeo), CIFP Portovello (Ourense), CIFP A Granxa (Ponteareas), CIFP Manuel Antonio (Vigo), e IES Luís Seoane (Pontevedra).
Nos 9 viveiros xa existentes téñense posto en marcha máis dunha trintena de proxectos de empresa. Actualmente son 20 os proxectos que se están a desenvolver nestes viveiros, 7 que xa están con actividade empresarial e 13 con plan de empresa. Así mesmo, nos últimos meses 5 firmas están xa a funcionar fóra do viveiro no que naceron.