Cultura e Educación levou o programa ‘Nadal en Rede’ a máis de 60 concellos da Rede de Dinamización Lingüística
‘Cantámosche os reis’, ‘O Crebanoces’ e ‘Lingua de Reis’ encheron a oferta de actividades destinadas ao lecer en galego durante o Nadal 2013
A segunda edición do programa incluíu tamén unha manchea de recursos cos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsou a galeguización destas festas a través das tecnoloxías da información e da comunicación
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pechou estes días a segunda edición do programa “Nadal en Rede”, no marco do que máis de 60 concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia recibiron actividades de lecer destinadas á promoción do uso do galego na celebración das festas propias do Nadal, tal e como contemplou a programación de actividades da RDL para o ano 2013.
“Nadal en Rede” incluíu as actividades “Cantámosche os reis”, “O Crebanoces” e “Lingua de Reis”, amais de poñer en marcha unha manchea de recursos cos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsou a galeguización destas festas por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, tales como a “Carta ás Súas Maxestades de Oriente”, “O libro dos Reis Magos”, o catálogo “Un novo Nadal. Guía de agasalllos para a mocidade” e o espazo virtual www.postaisengalego.com.
Galego, lingua de Reis
As Súas Maxestades de Oriente realizaron unha xira por Galicia que os levou a 16 localidades da RDL para animar a xente miúda a falar e a escribir en galego mediante encontros co alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria de centros de titularidade da Consellería de Cultura e Educación localizados no Vicedo, A Pontenova, Monterroso, O Incio, Boimorto, Palas de Rei, Castro Caldelas, A Veiga, Melón, Ramirás, Caldas de Reis, Cerdedo, Bande, Cea, Mesía e A Baña.
Nadal, Aninovo e Reis na nosa lingua
Os coñecidos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk levaron a palabra cantada en galego con “Cantámosche os reis” a 21 concellos de Galicia co fin de recuperar e interpretar os tradicionais cantos de Nadal, Aninovo e Reis nunha actividade destinada ás asociacións culturais e veciñais, así como ao público xeral. As localidades anfitrioas foron A Coruña, Ribas de Sil, Monforte de Lemos, Carnota, Frades, Bóveda, A Pobra do Brollón, Forcarei, Carballedo, Pontecesures, A Lama, Soutomaior, Pontedeume, Fene, Ponteceso, Dumbría, Cabana de Bergantiños, Maside, Toén e Celanova.
O clásico de Hoffman, tamén en galego
“O Crebanoces”, espectáculo teatral con monicreques baseado no coñecido conto de Nadal de Hoffmann con acompañamento musical de Tchaikovsky, chegou a 24 concellos da RDL da man da actriz Larraitz Urruzola, co apoio da Deputación da Coruña nas localidades desta provincia que recibiron a actividade. Púidose gozar en Arteixo, Oroso, Santa Comba, Outes, Ourense, Padrón, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ribeira, Sobrado, Quiroga, A Laracha, Rois, O Barco de Valdeorras, Vedra, Cee, Abegondo, Teo, Lousame, Ames, Noia, A Coruña, Ferrol e Fisterra.
Lingua na rede
Amais de actividades de dinamización lingüística, “Nadal en Rede” puxo en marcha unha manchea de recursos dixitais destinados á galeguización destas festas por medio das tecnoloxías da información e da comunicación: a “Carta ás Súas Maxestades de Oriente”, pensada especialmente para a xente miúda da casa; “O libro dos Reis Magos”, con fermosos discursos da autoría de 25 escritoras da literatura galega actual pensados para as alocucións reais das cabalgatas municipais; o catálogo dixital “Un novo Nadal. Guía de agasalllos para a mocidade”, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado animaron a mocidade a agasallar o Nadal en galego; e mais o espazo virtual www.postaisengalego.com, pensado para que pequenos, novos e maiores felicitasen as festas en galego de maneira orixinal e personalizada.