A Consellería de Cultura e Educación, a Amtega, a USC e o Valedor crearán unha plataforma online para coñecer o uso de internet entre os adolescentes galegos

Permitirá poñer a disposición de todos os centros de ensino secundario da Comunidade un cuestionario anónimo en liña no presente curso

A aplicación informática será desenvolvida pola Xunta, a través da Amtega, coa colaboración da USC e aloxarase no Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, garantindo a seguridade e confidencialidade da información obtida

Mér, 08/01/2014 - 12:25
Xesús Vázquez Abad na sinatura do convenio coa Amtega, a USC e o Valedor do Pobo
Xesús Vázquez Abad na sinatura do convenio coa Amtega, a USC e o Valedor do Pobo

Nos vindeiros meses porase en funcionamento unha plataforma en liña para recompilar datos reais sobre o uso que os adolescentes galegos fan das novas tecnoloxías. Este é o obxectivo do convenio de colaboración asinado esta mañá entre o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; o reitor da Universidade de Santiago, Juan José Casares Long; o profesor titula da USC, Antonio Rial Boubeta e, por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Segundo explicou Vázquez Abad, esta ferramenta é unha peza clave da estratexia que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver en prol da mellora da convivencia nas aulas. Neste sentido lembrou que, ao abeiro da normativa desenvolvida polo seu departamento, Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en regular por lei o ciberacoso, elaborando ademais un protocolo no que se recolle ao mesmo tempo o seu tratamento facilitando o principio de protección á vítima desde o primeiro momento; así como un decreto de convivencia no que se establece que cada centro debe describir no seu Plan de Convivencia medidas ou programas a desenvolver para favorecer a convivencia, en cuestións específicas como pode ser o propio ciberacoso. “É dicir, que estamos a dar resposta a unha situación que ata o momento non estaba recollida en ningunha normativa, pero que non se pode obviar por ser unha posibilidade real de perturbación da convivencia nos centros educativos”, salientou.

Detección e prevención

A nova ferramenta, sinalou, vai ter como fonte os datos recollidos nos centros educativos galegos que imparten secundaria, unha información que vai permitir afondar nos programas de prevención de riscos no uso da rede. “Queremos reducir estes perigos á súa mínima expresión, sendo ao mesmo tempo un programa de detección e de concienciación da necesidade de facer un uso responsable das posibilidades que ofrece a rede”, salientou o conselleiro.

A plataforma informática, que será desenvolvida pola Xunta a través da Amtega, permitirá recoller por medio dunha ferramenta en liña datos en todos os centros de educación secundaria de Galicia acerca do uso que os menores, en especial os adolescentes, fan de internet e as novas tecnoloxías, garantido en todo momento o seu anonimato e confidencialidade.  O obxectivo é que o instrumento estea ao alcance de todos os centros no presente ano académico cara a poder xa obter os primeiros resultados antes de que remate o ano.

Colaboración entre entidades

O proxecto supón un punto e seguido nos traballos que o Valedor do Pobo vén desenvolvendo desde o ano 2011 para concienciar da necesidade de vixiar os comportamentos, ás veces arriscados,  dos menores para coas tecnoloxías. Desde entón xa colaborou coa Xunta de Galicia e investigadores da USC na elaboración,  en primeiro termo,  dun informe (o máis completo coñecido ata o de agora) acerca dos hábitos e usos dos mozos para cos sistemas máis recentes e, nun segundo termo, no deseño dun modelo sinxelo de captación de datos para obter con fiabilidade e rigor resultados que permitan fixar índices reais de perigo, ciberdependencia, ciberacoso e usos complicados da rede e os diferentes dispositivos. 

Coa sinatura do convenio de hoxe dáse forma a esa segunda parte do proxecto materializándose unha ferramenta real de monitoreo de tales actitudes en tempo real, o que permitirá coñecer os focos necesitados de atención e mesmo deseñar políticas de prevención.

O Valedor do Pobo liderará o proxecto e encargarase do asesoramento técnico-xurídico necesario para o seu desenvolvemento, en concreto sobre aspectos que poden gardar relación coa protección de datos ou dos menores. Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  encargarase de sensibilizar e formar aos profesionais educativos para que fagan uso da ferramenta e poñan en valor este sistema desde o seu papel de chanzos na cadea de transmisión de valores e educación dos adolescentes. A Amtega é a encargada xunto cos técnicos da Universidade de Santiago do desenvolvemento da aplicación informática e da súa posta en funcionamento e do seu mantemento.

Aloxada no CPDI da Xunta

Segundo sinalou a directora da Amtega, esta Axencia  é a encargada, coa colaboración dos técnicos da Universidade de Santiago, do desenvolvemento da aplicación informática, da súa posta en funcionamento e do seu mantemento.

Mar Pereira sinalou que a aplicación incluirá unha interface de entrada de datos que posibilitará a recollida on-line de información dos centros. En base a esta información a USC elaborará os estudos relativos ao uso que das novas tecnoloxías fan os rapaces e rapazas galegas, a través de indicadores que contan cun niveis elevados de fiabilidade, validez, sensibilidade e especificidade, froito dun amplo traballo científico.

Así mesmo, durante o proceso de recollida de datos, a Amtega proporcionará aloxamento tanto a ferramenta como dos datos no Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia, garantindo a seguridade e confidencialidade da información obtida.