Cultura e Educación programa actividades para festexar o Nadal en galego en once concellos da Rede de Dinamización
O Barco de Valdeorras, Vedra, Cee, Frades, Bóveda, A Pobra do Brollón, Forcarei, Carballedo, Pontecesures, A Lama e Soutomaior acollen o teatro con monicreques de ‘O Crebanoces’ e o obradoiro de‘Cantámosche os reis’ durante estes días
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa unha ampla oferta de actividades integradas na campaña “Nadal en Red”, que promove a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia durante estes días. O espectáculo con monicreques “O Crebanoces” e mais o obradoiro “Cantámosche os reis” fornecerán de lecer en galego a programación propia dos concellos do Barco de Valdeorras, Vedra, Cee, Frades, Bóveda, A Pobra do Brollón, Forcarei, Carballedo, Pontecesures, A Lama e Soutomaior desde esta tarde ata a Noitevella. A maiores das actividades de dinamización lingüística, que están a despregarse en 60 localidades ata xaneiro, “Nadal en Rede” inclúe unha manchea de recursos dixitais específicos do Nadal descargables, de balde, desde www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede_2013.
O clásico de Hoffmann, tamén en galego
“O Crebanoces”, o espectáculo máis típico das festas do Nadal na tradición Europea, xa se pode gozar en galego na súa versión con monicreques. Da man da actriz Larraitz Urruzola, a particular versión do conto de Nadal de Hoffmann co acompañamento musical de Tchaikovsky, está percorrendo 24 municipios da RDL durante estas festas para promover o Nadal en galego e a galeguización dos eventos festivos típicos desta época.
Esta mesma tarde chegará ao Barco de Valdeorras, cunha función no Teatro Municipal Lauro Olmo ás 20:00 horas. O domingo, a proposta terá como localidades anfitrioas a Vedra e a Cee, que acollerán senllas funcións no Centro Sociocultural ás 11:30 horas e mais no Salón de Actos do Concello as 17:30 horas, respectivamente. Como todas as actividades programadas no marco da RDL, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas. “O Crebanoces” conta ademais co apoio da Deputación da Coruña no caso dos concellos desta provincia que reciben a actividade.
Recuperar a tradición dos cantares
Os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk levan, un ano máis, os cantos propios do Nadal, dos Reis e do Aninovo a concellos galegos pertencentes á RDL, nunha proposta deseñada para recuperar a tradición oral dos cantares en galego. Na que é xa segunda edición de “Cantámosche os reis”, as asociacións culturais e veciñais e mais o público xeral poderá recuperar as cancións típicas de cada zona e cantalas despois diante dos seus veciños, para converter o galego no centro das relacións veciñais e festivas.
Mañá, venres, o obradoiro desenvolverase no Edificio Multiúsos de Frades, ás 12:00 horas, mentres que o sábado chegará a Bóveda e á Pobra do Brollón. Na primeira das localidades terá lugar no Centro Sociocultural, ás 17:00 horas, e, na segunda, na Casa da Cultura Olga Novo, ás 19:00 horas, respectivamente.
O domingo haberá outras dúas sesións de “Cantámosche os reis”. A primeira en Forcarei, no Centro Social, ás 16:30 horas, e a segunda en Carballedo, no Salón de Actos do Concello (na Barrela), ás 19:00 horas. Na véspera de Noitevella poderanse gozar tres sesións máis noutros tantos concellos da RDL. A primeira arrancará ás 12:00 horas, no Centro Social de Pontecesures; a segunda, no Multiúsos da Lama, ás 16:30 horas; e a derradeira no Multiúsos de Arcade, en Soutomaior, ás 18:00 horas.
‘Nadal en Rede’
Ademais destas propostas, “Nadal en Rede” incluíu outras que se desenvolveron durante as semanas pasadas, como “Lingua de Reis”, que trouxo os Reis Magos de Oriente de xira por Galicia para visitar nas vésperas das vacacións escolares do Nadal 16 centros de ensino de titularidade da Consellería de Cultura e Educación radicados noutras tantas localidades da RDL.
Os recursos dixitais que ofrece o programa inclúen varias aplicacións, entre elas unha habilitada no espazo www.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego, que permite enviar postais electrónicas personalizadas; a Carta ás Súas Maxestades, que a xente miúda pode descargar aquí www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades, e o “Libro dos Reis Magos”, con discursos en galego pensados para as cabalgatas municipais, accesible, tamén de balde, desde www.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos.
Dentro das novidades do programa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado editaron un completo catálogo para animar a mocidade a regalar propostas en galego: “Un novo Nadal. Guía de agasallos para a mocidade”, que achega as principais novidades editoriais, musicais e mesmo gastronómicas desde www.xunta.es/linguagalega/arquivos/guia_agasallos_2013.pdf.