As editoriais e Política Lingüística valoran positivamente o impacto do programa Bocaberta para a dinamización do galego
Anxo Lorenzo reuniuse hoxe con representantes das once editoriais que colaboran neste proxecto da secretaría xeral co fin de facer un balance e estudar novas propostas para o vindeiro ano
O programa Bocaberta de Política Lingüística despide o 2009 cun balance moi positivo das preto de 1.000 actividades que se puxeron en marcha desde o pasado mes de xullo. Así o constataron as once editoriais galegas que colaboran neste proxecto e mais o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, durante a reunión que mantiveron hoxe na sede da secretaría xeral, en Santiago de Compostela.
O secretario xeral de Política Lingüística mantivo un encontro cos representantes de Rodeira, El Patito Editorial, Everest, Galaxia, OQO, Ir Indo, Xerais, Kalandraka, Sotelo Blanco, Baía Edicións e mais A Nosa Terra, no que, ademais de facer unha valoración das diversas actividades que se desenvolveron dentro do programa de dinamización lingüística Bocaberta, tamén se falou de novas propostas para volver poñer en marcha esta iniciativa o próximo ano.
Preto de 1.000 actividades, 265 concellos e máis de medio millón de nenos e nenas
O programa Bocaberta deixa un balance de 970 actividades realizadas nun total de 265 concellos de Galicia, nas que participaron máis de medio millón de rapaces e rapazas de idades comprendidas entre 3 e 18 anos. No que respecta á distribución de concellos por provincias, na da Coruña chegaron a un total de 87 localidades, seguida de Ourense, onde en 63 concellos se realizou algunha actividade do programa Bocaberta. Nas provincias de Pontevedra e Lugo desenvolvéronse actividades en 59 e 56 concellos, respectivamente.
Unha distribución xeográfica que cobre o ámbito rural
Os lugares onde se realizan as actividades do programa Bocaberta son principalmente os centros educativos, as bibliotecas municipais, as casas da cultura, os centros socioculturais e os auditorios dos concellos, aínda que tamén están contemplados outros espazos, como os teatros ou os centros comerciais. A realización das actividades desenvolveuse nun total de 265 concellos, co que se garantiu a cobertura da práctica totalidade do territorio galego. Deste xeito, ademais de chegar aos grandes núcleos poboacionais, con esta distribución xeográfica tamén se posibilita que os nenos e nenas dos concellos das zonas rurais, nomeadamente do interior, poidan gozar coa programación cultural e lúdica que desenvolven concellos máis grandes e á que normalmente non teñen acceso.